Os albergues de peregrinos de Melide e Ribadiso convértense nos primeiros da rede da Xunta en acadar a accesibilidade universal
A directora de Turismo visitou hoxe o resultado das intervencións no exterior e no interior de ambos espazos de acollida como parte dos compromisos do Goberno autonómico fixados no Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago
Os albergues de peregrinos da Xunta de Galicia dan hoxe un paso máis no seu compromiso de derrubar barreiras e avanzar na accesibilidade universal. Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, así o comprobou na súa visita aos espazos de acollida de Melide e Ribadiso (Arzúa), que nos últimos meses experimentaron notables melloras destinadas a facilitar o acceso e a estadía a persoas con diversidade funcional grazas á adaptación das contornas e do propio interior dos albergues.
Estas actuacións forman parte do Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, presentado o pasado verán e ao abeiro do cal téñense adaptado tanto os baños como as habitacións da Rede Pública de Albergues do Xacobeo, preparada para que poida pernoitar neles calquera peregrino. Con esta ambiciosa folla de ruta que traballa en varios eidos, a Comunidade galega aspira a ser un referente internacional do turismo inclusivo.
As actuacións en Melide e Ribadiso, cun investimento conxunto de preto de 200.000 euros, supuxeron a adaptación das contornas dos albergues, con ramplas de acceso, colocación de varandas, establecemento de percorridos secundarios, substitución dos vellos pavimentos por outros antideslizantes e diferenciados ou acondicionamento de prazas de aparcamento.
No interior, colocáronse zócolos protectores en portas, que foron ampliadas nos casos nos que se viu necesario, así como bandas de sinalización, entre outras accións. Na recepción, adecuáronse os postos do persoal responsable para atender aos peregrinos con mobilidade reducida e colocouse un bucle magnético para persoas que empregan audífonos. Os aseos son tamén accesibles, ao igual que os dormitorios, que contan agora con camas á altura correcta. As melloras esténdense ao mobiliario de cociñas, salas compartidas ou lavadoiros.
Coa implicación do tecido social
Como lembrou Nava Castro, o Camiño de Santiago, polas súas particularidades, conta cun tratamento individualizado no Plan de accesibilidade de Turismo de Galicia. De feito, na fase de diagnose avaliouse o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas, condicionadas polo medio físico, de preto de 200 establecementos de hospedaxe e de 80 puntos de interese.
Neste sentido, cómpre salientar o obxectivo de impulsar un proxecto de accesibilidade que permita facer practicables as etapas arredor dos albergues de Melide e de Ribadiso.
Na visita de hoxe, participaron representantes de colectivos que traballan pola inclusión das persoas con discapacidade, que tamén foron partícipes da redacción do propio plan.
Cursos de formación e sensibilización
O Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago propón, así mesmo, o deseño de produtos e rutas de turismo accesible ou campañas de sensibilización para lograr a complicidade da sociedade e do sector. Dirixido a este último, este outono convocáronse diversos cursos de formación destinados a profesionais de empresas turísticas e estudantes de titulacións relacionadas coa actividade turística e a hostalaría na nosa Comunidade.
As cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense foron as sedes destes cursos centrados en temáticas concretas como a lexislación, a atención ao cliente con necesidades diversas ou o financiamento a partir de concursos europeos e das subvencións estatais, autonómicas e locais dirixidas á promoción do turismo accesible.