Galicia recibiu xa preto de 4,9 millóns de turistas grazas á notable subida da cifra de viaxeiros ao longo dos meses de outono
O número de visitantes medra máis dun 3% no conxunto do ano, con tendencias positivas nas pernoitas e na estadía media, que tamén soben un 5,6% e un 2,4%
A falta de que remate o último mes do ano, Galicia roza xa os 4,9 millóns de turistas. Así se desprende dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ás distintas modalidades de aloxamento en novembro. Estas cifras confirman que a nosa Comunidade está a afondar na desestacionalización, co reparto dos viaxeiros ao longo de todo o ano. De feito, os meses de outono están a ser nos que máis se incrementa a demanda, cun 12% máis en novembro.
O pasado mes resultou o máis positivo de 2017, cun aumento do 11,8% na cifra de turistas e do 11,7% nas pernoitas, que foron de 255.853 e 504.320, respectivamente. Esta evolución positiva deuse en varias tipoloxías, entre as que sobresaen os hoteis, que creceron un 14,5%, e o turismo rural, que medrou un 11%. Este último, ao que a Xunta dedica particular atención, está a experimentar unha salientable suba neste ano, en concreto do 4,3%.
Por procedencia dos viaxeiros, o turismo nacional mellorou en novembro un 11,6% e o internacional, que marca niveis récord, un 11,8%. En total, foron preto de 256.000 turistas os que Galicia acolleu no undécimo mes do ano, que realizaron máis de 504.000 pernoitas.
Os datos coñecidos este xoves afondan no crecemento responsable e sostido dos últimos cinco anos, que permiten acadar máximos históricos cos referidos 4,9 millóns de turistas e máis de 10,2 millóns de noites, un 5,6% máis que en 2016. Á tendencia á alza súmanse outras marcas positivas, como o aumento da estadía media na nosa Comunidade do 2,4%.
Un destino máis internacional
No conxunto de 2017, o turismo internacional medra un 8,5% e o nacional un 4,7%, o que permite avanzar nos camiños marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que o Goberno autonómico impulsa xunto ao sector. Aprobado este ano, o documento, dotado cun investimento de 240 millóns de euros, está a dar os seus primeiros froitos, consolidando Galicia como un destino de calidade, desestacionalizado e diversificado onde a actividade turística, desenvolvida dun xeito sustentable, é xeradora de riqueza e contribúe ao desenvolvemento social e cultural e a preservación e conservación do medio e o patrimonio.