02 xan 2018

Galicia estrea experiencias para turismo sénior e persoas con discapacidade no Camiño Francés grazas ao proxecto Saber Universal

 A iniciativa europea na que Turismo de Galicia estivo a traballar este ano permitiu deseñar diferentes paquetes turísticos inclusivos na ruta xacobea e formar en accesibilidade aos profesionais do sector do ámbito público e privado

 
Inclúense propostas en handbike, scooter ou bicicleta eléctrica para persoas cegas, en cadeira de rodas, con discapacidade cognitiva ou persoas maiores
 
Forma parte do compromiso da Xunta de Galicia por posicionar á Comunidade galega como destino sen barreiras e referente internacional do turismo inclusivo
 
Proxecto europeo SABER.

 O proxecto europeo SABER Universal no que Galicia estivo a traballar durante este ano para desenvolver unha oferta de turismo accesible no Camiño de Santiago vén de presentar os seus resultados, entre os que destacan os cinco paquetes turísticos xa dispoñibles na ruta xacobea para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e para o público sénior.

Tras un intenso traballo de campo para avaliar a accesibilidade dos distintos tramos e dos recursos turísticos accesibles dispoñibles, seleccionáronse os lugares con mellores condicións e as instalacións e equipamentos mellor adaptados a cada tipo de discapacidade. Como resultado, deseñáronse paquetes nas etapas Burgos-León e León-Santiago, no Camiño Francés, que inclúen viaxes para usuarios en cadeira de rodas, que realizarán a peregrinación con handbike eléctrica ou scooter e irán con acompañante en bicicleta.

Tamén se propón a peregrinaxe para usuarios con discapacidade visual e cognitiva e turistas sénior, que tamén viaxarán con acompañante. Neste último caso, no turismo sénior, tamén se ofrece a posibilidade de realizar algunhas etapas en bicicleta eléctrica. Para grupos, proponse unha viaxe dirixida a pequenos grupos mixtos de persoas con e sen discapacidade, que peregrinarán con acompañantes. Ademais, e co obxectivo de promover a competitividade das pemes, estes paquetes promoveranse e comercializaranse a través de turoperadores e axencias de viaxe especializadas.

A participación de Turismo de Galicia nesta iniciativa europea permitiu, ademais, a posta en marcha de diferentes actividades formativas durante os últimos 18 meses para os profesionais do sector turístico tanto do ámbito público como privado. Tamén se celebraron mesas redondas para definir unha folla de ruta da oferta de turismo accesible e un plan de acción para eliminar as barreiras existentes.

Avances na Rede Pública de Albergues

O proxecto SABER Universal presentou este mes os seus resultados en Roma xa que se centra en dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés e o de San Benedicto en Italia. Promoveuse o produto inclusivo conxugando patrimonio cultural, deportes e actividades ao aire libre en ambos itinerarios, que son rutas de gran relevancia espiritual e histórica.

SABER Universal dá resposta ao compromiso da Xunta de Galicia plasmado no Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa que a Comunidade galega traballa para converterse nun referente internacional do turismo inclusivo. Contén medidas para desenvolver no destino da man do sector e favorecer así o acceso aos recursos turísticos da Comunidade a persoas con discapacidade e mobilidade reducida. No eido do Camiño de Santiago destacan os avances na Rede Pública de Albergues do Xacobeo, que está preparada para que poida pernoitar neles calquera peregrino, sendo os albergues de Melide e de Ribadiso, en Arzúa, os primeiros da rede en acadar a accesibilidade universal

 

 

Arriba