Nava Castro salienta a contribución do turismo á recuperación do patrimonio cultural galego e ao desenvolvemento rural
A directora de Turismo visitou o resultado da rehabilitación do Foxo do Lobo de Pedrosa, no concello ourensán de Riós, un recurso etnográfico integrado nunha nova ruta impulsada grazas ao financiamento do Goberno galego
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a contribución do turismo á recuperación do patrimonio cultural e á dinamización e desenvolvemento das contornas rurais da nosa Comunidade. Así o expresou na súa visita ao concello ourensán de Riós, onde puido comprobar o resultado da rehabilitación do Foxo do Lobo de Pedrosa, un recurso etnográfico cuxa antigüidade se remonta á Idade Media.
A posta en valor deste espazo, situado na Serra da Urdiñeira, foi posible grazas ao convenio asinado entre Turismo de Galicia e o Concello de Riós o pasado verán. Con esta actuación, completada con labores de sinalización e limpeza, o Foxo do Lobo de Pedrosa pasa a estar integrado nunha ruta de sendeirismo. Nava Castro constatou as melloras acompañada do xefe territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do alcalde, Francisco Armando Veiga.
“O Foxo do Lobo de Pedrosa é un recurso patrimonial relevante desde numerosos puntos de vista, tamén desde o turístico”, sinalou Nava Castro, quen puxo en valor a contribución de iniciativas como esta “ao desenvolvemento socioeconómico do interior e á conservación dun valioso legado da paisaxe agraria tradicional” que fala do modo de vida en épocas pasadas.
Os foxos do lobo son buracos nos montes feitos polo home como trampas para a caza deste animal, fórmula empregada desde a Idade Media ata o século XIX. A súa recuperación, que impulsou Turismo de Galicia, incrementa o uso sustentable do territorio rural e fomenta o seu valor estético, educativo e científico. Este aspecto, como destacou Castro, é especialmente relevante neste inicio do Ano Europeo do Patrimonio Cultural que se celebrará en 2018.
Ano Europeo do Patrimonio Cultural
A Xunta terá un rol destacado nesta cita, pois lidera o grupo de traballo NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo cultural sustentable e competitivo, que busca deseñar unha estratexia comunitaria neste eido para protexer, revalorizar e desfrutar este patrimonio.
A Estratexia do turismo de Galicia 2020 traballa nesta dirección para garantir a preservación dos valores e a autenticidade destes espazos. O turismo cultural ocupa un lugar destacado na Estratexia xa que, como afirmou Nava Castro, “é clave para seguir desestacionalizando, redistribuír os fluxos e atraer visitantes que xeran sustentabilidade económica e ambiental”.