26 feb 2018

O prazo para concorrer aos Premios Camiño de Santiago que distinguen a institucións e colectivos remata este mércores 28

 Recoñecen o traballo desenvolvido no eido xacobeo por institucións públicas, asociacións, empresas, universidades, colexios e investigadores

Neste inicio do ano, a ruta xacobea está a demostrar a súa crecente desestacionalización, cun aumento de peregrinos de ao redor do 30% 

Imaxe dos premiados do ano pasado.

 A nova edición dos Premios Camiño de Santiago 2018 que outorga Turismo de Galicia para distinguir o traballo no eido xacobeo de institucións e colectivos mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro mércores 28 de febreiro para as súas catro categorías.

Con eles, a Xunta de Galicia premia as actuacións públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, así como aquelas que supoñan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos e as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, difusión e posta en valor do Camiño de Santiago e a cultura xacobea.

Os premios están distribuídos en catro categorías: a primeira distingue as actuacións realizadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas galegas polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago oficialmente declaradas. A segunda categoría premia ás actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago e a terceira liña distingue as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa. Finalmente, a cuarta categoría recoñece as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativo.

Os interesados en concorrer a estes premios poden consultar as bases da convocatoria así como a documentación precisa a presentar no Diario Oficial de Galicia.

Sensibilidade e colaboración

Con estes recoñecementos, a Xunta avanza así na mellora do Camiño de Santiago, especialmente nos seus itinerarios, contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas, e a súa protección xeral e posta en valor. Búscase, ademais, incrementar a sensibilidade da cidadanía ao redor dos valores xacobeos, estimular o coñecemento do seu patrimonio e fomentar a colaboración da sociedade en coordinación coas administracións públicas.

Na edición do ano pasado resultaron gañadores o Concello de Melide, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, a empresa Ideas Peregrinas de Tui, a iniciativa Spin Way de RedEmprendia, a Cátedra do Camiño de Santiago da Universidade de Torun (Polonia) e o Colexio A Merced de Sarria.

Estes premios Camiño de Santiago enmárcanse, ademais, nun contexto de crecemento e internacionalización desta ruta, que, tras superar os 300.000 peregrinos en 2017, está a demostrar neste arranque do ano tamén a súa crecente desestacionalización. A cifra de peregrinos supera os 3.000, o que supón ao redor dun 30% máis que nas mesmas datas do ano anterior.

 
Arriba