A app que ofrece información en tempo real do Camiño de Santiago duplica as súas descargas no último ano
Xunto ás descargas na aplicación móbil, tamén medrou o número de visitas á web da ruta xacobea así como o tempo que os usuarios permanecen na páxina
A app que ofrece información en tempo real das distintas rutas do Camiño de Santiago en Galicia superou no último ano as 13.000 descargas, o dobre das que se rexistraran o ano. Apta para as plataformas iOS e Android, e de descarga gratuíta, a aplicación móbil está dispoñible en galego, castelán e inglés, e estase a consolidar como unha das app máis descargadas de Turismo de Galicia.
Os usuarios poden consultar información de utilidade como o trazado, a descrición, fotografías e datos sobre os diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos previstos nos diferentes concellos. Ademais, ten acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.
Xunto á app, no 2017 tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). No caso da web caminodesantiago.gal, a curva de crecemento mantívose constante en todo o ano, con preto de 250.000 sesións de usuarios que visitaron máis dun millón de páxinas, o que supón un incremento de máis dun 20% con respecto a 2016.
Visitas internacionais
En relación ao uso que os usuarios fan da páxina, na que se recollen todos os aspectos precisos para descubrir, preparar e planificar a ruta xacobea medrou a duración media da sesión de visita, ata alcanzar máis de 5 minutos por persoa, o que demostra o interese dos contidos amosados. Por países, tras España, a páxina web recibiu visitas de Portugal, Estados Unidos, Italia, Arxentina, Alemaña, Brasil, Francia, México ou Reino Unido.
Smart Camiño é unha das iniciativas do Plan Smart Turismo, en liña coas medidas do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta que está a desenvolver numerosas melloras na ruta xacobea coa vista posta no Ano Santo 2021 e co obxectivo de responder ás necesidades do peregrino do século XXI, favorecendo a experiencia de calidade durante toda a súa peregrinación.