05 feb 2018

A Xunta impulsa unhas xornadas profesionais que amosarán o potencial dos destilados galegos etiquetados na enogastronomía

 Membros do sector turístico e da hostalería, ademais de alumnos de centros de formación, participaron, previa inscrición gratuíta, nas cinco sesións programadas baixo o título ‘Neste Entroido... que non chos disfracen’

 
O programa combina catas comentadas e elaboración de cócteles e pratos, a cargo de reputados enólogos, barmans e chefs, a partir de augardentes e licores galegos
 
As demostracións serán no Centro Superior de Hostelería de Galicia en Santiago de Compostela, o IES Vilamarín de Ourense e o CIFP Paseo das Pontes da Coruña 
 
Cartaz promocional das xornadas.

 A Xunta de Galicia promoverá esta semana unha serie de xornadas para profesionais que poñen en valor a relevancia do etiquetado dos licores e augardentes da nosa Comunidade e o seu potencial na nosa enogastronomía. Baixo o título Neste Entroido... que non chos disfracen, as xornadas están dirixidas a membros do sector turístico e da hostalería e alumnos que se forman neste eido na actualidade. De feito, todas as sesións terán lugar en centros de formación específica.

As xornadas desenvolveranse entre o luns e mércores en quendas de mañá e tarde para os estudantes e os profesionais, respectivamente. Para asistir tan só é preciso notificalo a través do correo electrónico secretaria.turismo@xunta.gal ou nos teléfonos 981546351/2.

Estas xornadas, nas que están implicados diversos departamentos da Xunta e que contan coa colaboración do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e do Clúster Turismo de Galicia, serán dirixidas por persoal técnico do propio Consello Regulador e nelas participarán reputados enólogos, barmans e chefs. Nas cinco sesións programadas, combinaranse as catas comentadas coa preparación de cócteles e pratos, elaborados con produtos amparados polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

O obxectivo é, por unha banda, facer fincapé no sector turístico acerca da importancia de degustar bebidas espirituosas certificadas e con etiqueta, de xeito que se evite o consumo de produto “disfrazado”, non regulado. E, ao mesmo tempo, as xornadas permitirán salientar a calidade e versatilidade que este tipo de produtos ten na nosa cociña e na coctelería.

Ademais das sesións para alumnos, que terán así a oportunidade de ampliar de forma práctica a súa formación, haberá sesións abertas a todo o sector e cuxa inscrición é totalmente gratuíta. Serán o martes día 6 de febreiro no IES Vilamarín de Ourense e o mércores día 7 de febreiro no CIFP Paseo das Pontes. Comezarán ás 17,00 horas coa presentación e elaboración de pratos e cócteles. A continuación, e ata as 18,30 horas, desenvolveranse as catas comentadas. Polo tanto, as sesións terán unha duración dunha hora e 30 minutos.

 

Arriba