Nava Castro salienta o papel dos entroidos para situar Galicia como destino punteiro durante os meses de inverno
Referiuse ao aumento do número de festividades de interese turístico ao redor desta celebración, que suman nove a día de hoxe en toda a comunidade galega
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou o papel que están a ter os entroidos galegos ao conseguir posicionar Galicia entre os destinos turísticos punteiros durante o inverno. Como explicou, ano a ano demostran que son unha “ocasión perfecta” para evidenciar por que a Comunidade galega ofrece motivos “máis que suficientes para visitala tamén fóra de tempada alta”.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, Nava Castro participou en Pontevedra no acto de presentación dos entroidos galegos deste ano onde se contou coa presenza dunha representación das Madamas e Galáns característicos do Entroido de Cobres, na localidade pontevedresa de Vilaboa e un dos nove entroidos recoñecidos como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Xunto a eles, tamén teñen este recoñecemento o dos Xenerais da Ulla, presentes en concellos de Pontevedra e A Coruña caracterizados polas súas batallas dialécticas; o de Laza, cos seus icónicos peliqueiros; o de Viana do Bolo, co boteiro que comparte protagonismo coa promoción do produto gastronómico de androia; o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda, coas súas mázcaras, o de Maceda, cos felos ou o de Vilariño de Conso. A eles súmanse os entroidos de Xinzo de Limia, considerado o entroido máis longo de España, ou o de Verín no que destacan os cigarróns, ambas festas con recoñecemento de interese turístico nacional.
Compromiso coa súa potenciación
Nava Castro puxo en valor a importancia de todos eles, así como dos milleiros de entroidos que se suceden estes días na Comunidade galega, aos que cualificou como un dos mellores expoñentes dos valores que fan de Galicia un destino singular. Neste sentido, recordou o compromiso da Administración autonómica con festividades como esta, como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020.
O documento que deseña o modelo turístico galego dedica unha das súas once liñas a potenciar valores diferenciadores, como as tradicións e o patrimonio etnográfico “a través dunha actividade turística que os protexa e o poña en valor, permitindo aos visitantes integrarse na nosa cultura e gastronomía”, salientou.
Dentro do seu compromiso pola difusión destas festas Turismo de Galicia organiza cada ano un multitudinario desfile no mes de setembro para pór en valor estes Entroidos, que se converte nun perfecto anticipo a estas festas e unha eficaz ferramenta para a súa promoción. Tamén se programan viaxes de familiarización especialmente para a súa proxección internacional, como o que se está a celebrar estes días con xornalistas alemáns especializados en viaxes e turismo. Na súa viaxe coñecerán parte dos carnavais máis tradicionais da Comunidade galega así como a oferta de pazos e xardíns nos que estes días locen camelias.