13 feb 2018

O Camiño de Santiago difúndese en Francia como unha ruta histórica viva da man do Instituto Cervantes de Burdeos

 O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou en varias xornadas de divulgación en universidades e centros académicos con diversos relatorios

 
A viaxe incluíu unha xuntanza coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Burdeos para coñecer os seus proxectos e explorar posibles colaboracións
 
Francia é un dos países con máis tradición xacobea e, de feito, o ano pasado chegaron preto de 9.000 peregrinos galos, a quinta nacionalidade con máis peso
Participantes na presentación de Burdeos.

O  sur de Francia acolleu estes días varias accións de promoción e divulgación arredor do Camiño de Santiago coa presenza da Xunta de Galicia. A ruta xacobea difúndese neste país como un itinerario histórico que mantén a súa vixencia na actualidade como un fenómeno vivo e cada vez máis internacionalizado.

Así o presentou Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo, durante os diferentes relatorios que pronunciou no Instituto Cervantes de Burdeos e noutras institucións académicas como a Universidade de Montaigne e o Cóllege Cheverus, onde se imparten materias en español.

Sánchez, acompañado da xerente de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tivo a oportunidade de expoñer o modelo de xestión que o Goberno galego desenvolveu nos últimos 25 anos no Camiño de Santiago. Este labor traduciuse nun notable impacto na proxección internacional de Galicia, con iniciativas de recuperación, de dotación de infraestruturas, investigación e difusión das rutas e da cultura xacobea, ata revitalizalo como un dos activos turístico-culturais máis singulares e admirados no mundo.

O programa da viaxe incluíu, ademais, unha xuntanza coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Burdeos, a Association Bordeaux Compostella, para explorar posibles colaboracións no futuro. A cita permitiu coñecer tamén o seu proxecto de peregrinación marítima entre Burdeos e A Coruña, que despois continúa ata Santiago de Compostela.

Francia é precisamente un dos países cunha maior tradición xacobea e cunha actividade máis intensa grazas a un amplo e veterano movemento asociativo. En concreto, Francia é o quinto país entre os estranxeiros que máis peregrinos achega ao Camiño de Santiago. Así volveu a ocorrer ao longo do pasado ano 2017, cando chegaron preto de 9.000 persoas.

Divulgación e tecido asociativo

O Plan director do Camiño de Santiago, que traballa coa vista posta na próxima celebración do Xacobeo 2021, conta entre as súas liñas estratéxicas con accións encamiñadas ao fomento da investigación e divulgación da cultura vinculada á peregrinación a todos os niveis, a súa proxección internacional ou ao mantemento das relacións institucionais, con especial atención tamén ao tecido asociativo, fundamental no mantemento dos seus valores.

 
Arriba