19 feb 2018

Nava Castro destaca a crecente desestacionalización no Camiño de Santiago cun aumento de peregrinos do 30% no inicio deste ano

 Referiuse ao incremento destes primeiros meses, fóra de tempada alta, como froito do traballo conxunto entre administracións e asociacións que están a facer cada vez máis completa a experiencia da peregrinación durante todo o ano

 
Nos meses de outubro a xaneiro, os 11 concellos polos que atravesa o Camiño Francés ofreceron unha completa ruta culinaria coas singularidades da gastronomía de diferentes zonas das provincias da Coruña e de Lugo
 
A directora de Turismo avanzou que experiencias como esta poderán servir de exemplo para outras zonas galegas, ao abeiro do futuro Plan Enogastronómico
Reunión no Hostal dos Reís Católicos

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo  de manifesto a crecente desestacionalización no Camiño de Santiago que está a conseguir medrar de xeito máis intenso durante os meses que non forman parte da tradicional tempada alta, como así o demostra este inicio do ano no que fixeron o Camiño de Santiago máis de 2.400 peregrinos, un 30% máis que en 2017.

Así o manifestou durante o xantar de clausura da primeira edición da Ruta Gastronómica do Camiño Francés, o itinerario culinario que percorreu durante os meses de outubro a xaneiro os 11 concellos polos que transcorre o Camiño Francés, froito dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés coa intención de mellorar e completar a experiencia da peregrinación para todos aqueles que escollen percorrer a ruta xacobea durante o outono e o inverno.

Acompañada polos delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Lugo, Ovidio Rodeiro e José Manuel Balseiro, Nava Castro puxo en valor esta iniciativa porque, como dixo, “fomenta esa actividade turística respectuosa que nos define como destino, que non se concentra só en determinados momentos do ano e que axuda ao visitante a descubrir o mellor de Galicia, neste caso a través da singularidade da nosa gastronomía”, explicou.

Dinamizar as economías locais

Durante esta primeira edición da Ruta Gastronómica do Camiño Francés os peregrinos puideron coñecer produtos como o queixo do Cebreiro, o galo piñeiro do Pino, o pan artesán, os biscoitos de Manjarín, o polbo, as anguías, a tarta de Ancano, as augardentes, o queixo de Arzúa-Ulloa ou os melindres, entre outros moitos. Unha iniciativa que permitiu, ademais, dinamizar as economías dos concellos participantes.

Como avanzou Nava Castro, experiencias como estas servirán como exemplo para deseñar novas rutas de base gastronómica noutras zonas da xeografía galega, dando resposta así ao modelo turístico galego que aposta por impulsar o potencial culinario de Galicia fomentando o turismo enogastronómico a través da posta en valor de produtos e receitas vencelladas a determinadas tradicións, zonas xeográficas ou épocas do ano, con guías, itinerarios culinarios ou a creación paquetes experienciais vinculados ao enoturismo, entre outras. Medidas que estarán presentes no futuro Plan Enogastronómico no que a Xunta de Galicia está a traballar para a súa posta en marcha. Nel farase especial énfase no vínculo da gastronomía co resto de elementos diferenciadores do noso turismo e terán cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional, impulsando, ademais, a competitividade do sector primario.

 
Arriba