12 mar 2018

Turismo de Galicia pon en valor o investimento nas melloras e promoción da Xunta na Ruta da Camelia durante os últimos anos

 A sinalización turística propia do itinerario, a identificación das especies máis singulares e a intensa promoción nacional e internacional son, dixo, clave para que se estea a converter nunha das mellores experiencias turísticas que ofrece Galicia

Trabállase agora no deseño do Comité de Ruta coa intención de que se converta nunha eficaz ferramenta transversal que vele pola calidade deste percorrido

Exposición de camelias en Vilagarcía de Arousa.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Vilagarcía de Arousa na inauguración do LIV Concurso-Exposición Internacional da Camelia onde puxo en valor o investimento nas melloras e promoción que a Xunta de Galicia vén realizando nos últimos anos na Ruta da Camelia para convertela, afirmou, “nunha das mellores experiencias turísticas que pode ofrecer Galicia, especialmente fóra de tempada alta”.

A responsable de Turismo da Xunta recordou que, tras o deseño deste itinerario, o Goberno galego vén apostando de xeito decidido por este recurso, introducíndoo nos principais mercados interesados e tendo presenza nas principais feiras e certames. Conscientes do seu potencial, dotouse de sinalización turística propia a toda a rede de xardíns e nos últimos meses estase a dar un paso máis identificando con nova sinalización, neste caso no interior dos xardíns, as especies máis singulares. Prevese, ademais, mellorar a experiencia das visitas guiadas, dotándoas, entre outras medidas, cun sistema de radioguía inalámbrico.

“Nas súas 12 etapas está a demostrar ser un perfecto recurso para descubrir o patrimonio natural e a arquitectura dos pazos galegos, pero tamén o patrimonio eclesiástico e monástico, a riqueza da nosa enogastronomía e o atractivo das nosas cidades”, indicou Nava Castro recordando, ademais, que se está a traballar especialmente na súa calidade como un recurso que permite atraer visitantes tamén fóra de tempada alta.

Neste sentido, estase a avanzar no deseño de instrumentos que axuden nesta tarefa como o Comité da Ruta, unha ferramenta transversal para velar pola calidade dos xardíns, avaliar a posible incorporación de novos espazos á ruta ou mesmo valorar a posta en marcha de produtos complementarios que podan enriquecela, sumándose así a experiencias como Camelias durmindo en Paradores, Camelias durmindo en pazos ou Viños e camelias.

De especial interese no mercado internacional

No marco da Estratexia do turismo de Galicia 2020, Turismo de Galicia tamén está a traballar por poñer en valor este recurso único nos mercados nacionais e internacionais con iniciativas como a que se está a celebrar esta fin de semana Camelia, Paradores and Wine Route in Galicia. Trátase dunha viaxe de familiarización para que axentes de turismo do mercado británico coñezan in situ os recursos turísticos que Galicia ofrece aos visitantes, tomando a Ruta da Camelia como fío condutor.

Ademais, a cidade de Sevilla acolle durante todo este mes de marzo a campaña promocional Viños e Camelias, a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da D.O Rías Baixas. Instalouse no mercado gourmet Lonja del Barranco un xardín de camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos e un punto de información turística da Comunidade galega. Esta campaña vén avalada do éxito do pasado ano, cando recibiu máis de 11.000 visitantes ao seu paso polo País Vasco.

 

Arriba