27 mar 2018

O operador turístico American Express interésase polo produto ‘Xardíns e viños’ para organizar viaxes a Galicia

 Representantes desta compañía norteamericana visitan estes días varias localidades da xeografía galega asociadas a esta oferta turística

 
O mercado dos Estados Unidos medrou preto dun 15% no número de viaxeiros e nun 16,8% no de pernoitas o pasado ano
 
EE.UU., con 17.522 ‘Compostelas’, foi o terceiro país estranxeiro con máis peregrinos en 2017 no Camiño de Santiago
 
A campaña itinerante ‘Viños e Camelias’ que está durante este mes en Sevilla acolleu esta semana unha exitosa cata de viños da D.O Rías Baixas
Unha representante de American Express, en Santiago de Compostela.

 Representantes do operador turístico American Express visitan estes días parte do territorio galego convidados por Turismo de Galicia para coñecer o produto Xardíns e viños e despois organizar viaxes para os seus clientes que teñan como principal atractivo esta oferta tan característica da Comunidade.

Deste xeito, ata o día 29 de marzo, os visitantes achegaranse a varias localidades asociadas aos xardíns o patrimonio rural e aos viños, ademais da cidade de Santiago de Compostela. Na súa estadía, os representantes do operador American Express percorrerán tamén lugares relacionados coa Ruta da camelia: pazos e os seus xardíns, así como adegas relacionadas con este produto.

Os visitantes terán tamén a oportunidade de coñecer a oferta gastronómica e paisaxística de Galicia así como distintos lugares destacados polo seu atractivo turístico tanto da costa como do interior.

Demanda turística

Polo que respecta á demanda turística, os visitantes dos Estados Unidos aloxados en establecementos turísticos medraron o ano pasado un 14,9% en relación a 2016. Ademais, o número de pernoitas tamén creceu un 16,8%. Este é o sexto ano consecutivo no que melloran as cifras do mercado americano en Galicia con incrementos de dous díxitos desde 2011.

Tal circunstancia sitúa os niveis de demanda en máximos históricos en Galicia con preto de 128.000 viaxeiros norteamericanos aloxados e algo máis de 202.000 pernoitas nos establecementos turísticos galegos. En termos absolutos, o crecemento sostido dos últimos seis anos supuxo a xeración de máis de 140.000 pernoitas en aloxamentos regrados, pasando de pouco máis de 60.000 en 2011, aos 202.000 de 2017.

Polo que respecta ao Camiño de Santiago, Estados Unidos, con 17.522 Compostelas, foi o terceiro país estranxeiro que máis peregrinos achegou durante o ano 2017, un 6,8% do total.

‘Viños e Camelias’ en Sevilla

Por outra parte, as actividades para impulsar a Ruta da Camelia complétanse con iniciativas como a que se está a desenvolver durante todo este mes na cidade de Sevilla. Trátase da campaña itinerante Viños e camelias, que impulsa en mercados nacionais a experiencia turística creada ao carón da Ruta da Camelia e as bodegas que forman parte da D.O Rías Baixas.

Ao abeiro desta iniciativa, esta semana celebrouse no mercado gourmet Lonja del Barranco unha exitosa cata onde se presentaron os viños das bodegas do Pazo de Rubiáns, un dos pazos participantes na Ruta da Camelia. Durante este mes, na viñoteca deste mercado da capital andaluza ten lugar destacado unha selección de viños da D.O Rías Baixas e está, ademais, decorado cun bosque de viños e camelias. Tamén está instalado durante todo este mes un punto de información turística da Comunidade galega.

 

 

Arriba