02 abr 2018

Galicia avanza no deseño do seu Plan estratéxico de turismo rural para afondar nas oportunidades deste segmento en alza

Cumprindo coa Estratexia do turismo de Galicia 2020 e tras a adxudicación do Plan, este mes de abril iniciaranse as accións de traballo de campo para comezar a facer unha diagnose e definir retos, estratexias e accións vindeiras

O documento porá en valor esta actividade creando sinerxias co medio natural

O turismo rural acumula catro anos consecutivos de crecemento da demanda e medrou neste comezo de 2018 máis do 7% en número de viaxeiros e pernoitas

 Galicia ten unha oportunidade única para consolidarse como destino rural de referencia a través dunha actividade turística que brinde unha oferta diferenciada e permita completar a especialización turística da Comunidade como destino. Por iso, cumprindo coa Estratexia do turismo de Galicia 2020 e tras a adxudicación do Plan Estratéxico do Turismo Rural de Galicia, o Goberno galego está a avanzar neste documento que permitirá poñer en valor un segmento en alza.

O turismo rural acumula en Galicia catro anos consecutivos de crecemento da demanda permitíndolle marcar en 2017 un máximo histórico con preto de 450.000 noites. Ese ano superou tamén os 200.000 viaxeiros. Esta tendencia estase a repetir neste inicio de 2018. Segundo o últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de viaxeiros que se hospedaron en establecementos de turismo rural medrou un 14% só no mes de febreiro, a estadía media un 8% e as pernoitas máis do 23%.

Nos meses de xaneiro e febreiro o número de viaxeiros que elixiron esta modalidade de aloxamento superou os 10.000, o que supón un 7,3% máis que o ano pasado. Nos dous primeiros meses do ano medraron tamén as pernoitas, un 7,8%. Ao abeiro destas cifras, o Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia permitirá facer unha diagnose pormenorizada da situación actual, definir os principais retos e estratexias e primar as accións concretas a realizar nos vindeiros anos. Así pois, está previsto que durante este mes de abril dean comezo as accións de traballo de campo para recompilar datos cuantitativos e cualitativos que fagan posible unha análise posterior.

Experiencias no rural

Con este documento, Turismo de Galicia afondará en cuestións como os servizos no medio rural, a mobilidade, o acceso a internet de calidade e a rendibilidade dos establecementos de turismo no eido natural. Porá en valor, ademais, o medio natural mediante sinerxias co sector primario coa vista posta no Xacobeo 2021.

Tamén fará posible deseñar novas experiencias turísticas ao redor do medio rural galego que se sumarían ás xa postas en marcha con éxito como o Outono Gastronómico, que mestura a natureza coa gastronomía; as iniciativas de turismo ornitolóxico; os centros das Rutas BTT, que combinan o deporte co medio rural; a Ruta da Camelia, as do Viño ou o Bono Iacobus no Camiño de Santiago, entre outras.

 

Arriba