A Xunta subliña os máis de 300.000 euros destinados ao apoio, promoción e difusión das festas de Interese Turístico de Galicia
A directora de Turismo, Nava Castro, asistiu á XXXII Festa da Ostra de Arcade, que pon en valor o potencial da enogastronomía en Galicia
A través das liñas de axuda que convoca anualmente, a Administración autonómica apoia as festas que afondan na singularidade do destino galego
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á XXXII Festa da Ostra de Arcade, unha das preto de 120 festas de Interese Turístico de Galicia coas que conta a nosa Comunidade e para as que o Goberno galego destina este ano no seu conxunto máis de 300.000 euros para o seu apoio, promoción e difusión.
Coa súa participación saliéntase así a importancia de celebracións como estas ao ser unha excelente ocasión para demostrar por que Galicia, e particularmente esta comarca do sur da provincia de Pontevedra, ofrece numerosos motivos para visitala tamén fóra de tempada alta. Trátase dunha festa arredor un recurso de especial atractivo é o marisco galego, un dos máximos expoñentes da nosa gastronomía e que é xa o segundo motivo polo que os viaxeiros elixen Galicia como destino.
Impulso á cultura e tradición
O apoio á promoción e difusión das 117 festas de Interese Turístico de Galicia forma parte das liñas de axuda que convoca anualmente o Goberno galego. A Estratexia do turismo de Galicia 2020 dedica ao completo unha das súas once liñas a potenciar os valores que singularizan a Galicia como destino a través dunha actividade turística que os protexa e impulse permitindo aos turistas integrarse coa cultura, tradición e enogastronomía.