Galicia reforza a promoción do turismo náutico en Europa para consolidarse como un destino cada vez máis competitivo
A Comunidade galega garantirá a súa presenza nas principais feiras sectoriais dos mercados francés, británico, alemán ou portugués para promover as instalacións e servizos portuarios galegos tanto para a náutica deportiva como para o turismo
Nava Castro salientou a oportunidade que brinda este segmento e a vantaxe competitiva que supón o liderado galego neste eido, onde de cada 10 instalacións náutico deportivas con Q de Calidade turística españolas, seis están en Galicia
José Juan Durán reseñou a aposta de Portos de Galicia pola planificación do sector a través do Plan Especial da Náutica Recreativa do que mañá se presenta a a ampliación 2020-2028
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, asinaron no Club Náutico de Boiro un acordo de colaboración que permitirá que a Comunidade galega intensifique a súa promoción en Europa no eido do turismo e das actividades náuticas para consolidarse como un destino cada vez máis competitivo.
Nava Castro salientou a vantaxe que supón que Galicia lidere en España o número de instalacións náutico deportivas con Q de Calidade Turística, con seis de cada 10 con este recoñecemento. A excelencia das infraestruturas unida a que na Comunidade contemos con 72 municipios costeiros, máis de 1.500 quilómetros de costa e 16 rías navegables durante boa parte do ano que albergan preto de 900 praias, permiten, como explicou, un gran oportunidade para o desenvolvemento deste tipo de turismo na nosa terra.
Por iso a aposta da Administración autonómica por impulsar Galicia como destino náutico é clara, como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego deseñada para fortalecer a calidade para que os viaxeiros poidan gozar do destino sen présas e na que iniciativas relacionadas coa náutica están presentes de xeito transversal en case a metade das once liñas das que se compón.
Ao abeiro desta Estratexia, Galicia conta con numerosas iniciativas turísticas vinculadas ao mar como os Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia, Galicia Surfing, Club da Auga ou a primeira ruta europea de turismo de mergullo, a Wildsea Atlantic Ocean Heritage Route-WAOH Route!, na que a Comunidade galega está a traballar co sector e con varias rexións europeas, en concreto con Irlanda, Reino Unido e Portugal.
Pola súa parte, José Juan Durán reseñou a aposta de Portos de Galicia pola planificación do medio e longo prazo do sector a través do Plan Especial da Náutica Recreativa que o ente público ten en vigor e do que mañá se presenta a ampliación 2020-2028. “Estamos a obter resultados que evidencian o éxito da planificación do sector náutico recreativo e por eso nos vemos na obriga de continuar con ela a través da folla de ruta que definirá o modelo dos portos autonómicos na terceira década do século XXI”, explicou.
Potencial do mercado europeo
Para aproveitar as oportunidades que ofrece o mercado europeo neste eido e ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia e Portos de Galicia promoverán conxuntamente durante este ano as instalacións e servizos portuarios para a náutica deportiva e o turismo náutico nas principais feiras sectoriais como o Salón Grand Pavois de Francia, os Salóns Náuticos de París, Londres e Dusseldorf ou a Southampton Boat Show do Reino Unido.
Tamén se farán actividais promocionais da oferta de turismo náutico en Portugal e se presentará Portos de Galicia en Irlanda, en colaboración con Turespaña ao tempo que se impulsará a extensión en Galicia da rede internacional de náutica recreativa Passeport Escales.