09 abr 2018

Catro cidades italianas acollen presentacións da oferta turística galega nas que participarán máis de 230 operadores

 Turismo de Galicia manterá xuntanzas cos principais axentes turísticos locais en Roma, Florencia, Verona e Turín ao longo desta semana

 
Con 240.000 pernoitas, a demanda turística italiana marcou un récord histórico en 2017 na Comunidade galega, consolidando seis anos consecutivos de crecemento
 

 Baixo o lema Roadshow Destinazione Spagna, Turismo de Galicia participará esta semana no programa de presentacións da oferta turística galega nas cidades italianas de Roma, Florencia, Verona e Turín. Esta campaña de presentacións comezará o vindeiro luns en Roma e rematará en Turín o día 12.

Ao longo destas sesións, a oferta turística galega se presentará a máis de 230 operadores turísticos locais, tendo en conta que na capital italiana está previsto que participen 80 empresarios, 70 en Florencia, 40 en Verona e 45 en Turín. Desde xeito, o Goberno galego afonda no seu modelo de internacionalización, en liña cos obxectivos plasmados entre a administración e o sector na Estratexia do turismo de Galicia 2020.

Durante estas xornadas de promoción, Turismo de Galicia fará especial fincapé na oferta relacionada coa natureza, a cultura e a gastronomía; tendo moi en conta tamén o Camiño de Santiago, do que Italia é o país estranxeiro que máis Compostelas recibiu ao longo de 2017.

Polo que respecta á demanda turística italiana, no pasado ano obsérvase un comportamento positivo no ámbito do aloxamento regrado –inclúe establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural–. En particular, crece tanto a cifra de viaxeiros aloxados, un 1,6%, coma o volume de noites, un 9,6% neste caso, en relación ao anterior 2016.

É o sexto ano consecutivo no que melloran as cifras do mercado italiano en Galicia, o que sitúa os niveis de demanda en máximos históricos en Galicia con preto de 155.000 viaxeiros aloxados e case 240.000 noites no conxunto da oferta regrada da Comunidade.

Líder no Camiño de Santiago

Polo que respecta ao Camiño de Santiago, o pasado ano, 27.103 italianos recibiron a Compostela, o que sitúa a Italia como o país estranxeiro con más peregrinos.

Neste sentido, cabe salientar que o número de italianos no Camiño de Santiago aumentou nun 11,65% ao longo dos 12 meses de 2017 en relación ao mesmo período do ano anterior.

 

Arriba