13 abr 2018

Nava Castro subliña a importancia crecente da actividade turística en Galicia como xeradora de riqueza e benestar

 Sinalou que o emprego no sector turístico mellorou un 4,6% ao longo do pasado ano, cunha redución tanto da taxa de paro como da taxa de temporalidade

 
No marco da Estratexia do turismo 2020, a Xunta traballa co sector para consolidar un destino de calidade e responsable que aposta polos seus mellores recursos
A directora de Turismo de Galicia, hoxe na Facultade de Económicas e Empresariais da USC.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou a importancia crecente do turismo na comunidade como actividade xeradora de riqueza e desenvolvemento, que repercute no benestar dos galegos. Sobre este e outros aspectos reflexionou nunha mesa redonda organizada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, que celebra cun congreso o seu 50 aniversario.

 
Na sesión, púxose de relevo o gran avance experimentado en Galicia neste eido, que supón o 11% do PIB e o 12% do emprego. De feito, o pasado ano mellorou un 4,6% o número de ocupados e se rexistrou unha baixada tanto na taxa de paro como da de temporalidade.
 
Os participantes na mesa repasaron os fitos do último medio século no turismo de Galicia, no que se transformou dun xeito notable, en especial a raíz do Xacobeo 93, cun impacto económico singularmente positivo que converteu a Galicia nunha das comunidades máis dinámicas. Amais, analizaron o actual modelo turístico autonómico, no que a Xunta e o sector traballan no marco da Estratexia do turismo de Galicia 2020. Este documento, cun investimento de preto de 240 millóns de euros, aposta por consolidar un modelo de turismo tranquilo, sustentable e de calidade, que aposta polos seus mellores recursos propios.
 
Novo Plan Estratéxico de Turismo Rural
Nava Castro salientou a relevancia que están a ter diferentes tipoloxías de turismo que, en conxunto, ofrecen unha proposta diferenciada e competitiva. Referiuse, entre outras, ao termalismo, o enoturismo, o turismo cultural e de natureza ou a gastronomía. Tamén a tipoloxías como o turismo rural, eido no que o Goberno galego traballa nun novo Plan. De feito, esta semana celebráronse as primeiras mesas de traballo nas provincias de Ourense e Lugo, co sector e as entidades locais, na fase de consulta e diagnose para o seu deseño.
 
Nun contexto de crecemento cualitativo e cuantitativo, o turismo da Comunidade adáptase ás novas necesidades do mercado nunha contorna dixital e cada vez máis globalizada. Así, Galicia encara a celebración do vindeiro Xacobeo 2021 ou a chegada da alta velocidade.
 
Ao mesmo tempo, como subliñou Nava Castro, trabállase na diversificación de fluxos e no reparto dos beneficios socioculturais e económicos do turismo, colaborando cos concellos e os xeodestinos para poñer en valor os seus recursos e apoiando a iniciativa privada.
 
Arriba