30 abr 2018

Turismo de Galicia leva a Portugal e Alemaña dúas exposicións que promoven o destino Galicia e o Camiño de Santiago

 A mostra ‘Via Iacobitana’ está instalada en Condeixa a Nova con 50 fotografías de Luis Gabú, Tino Viz e Santi López

 
Tras o éxito da pasada edición, a cidade alemá de Ratisbona tamén acolle unha mostra fotográfica sobre as paisaxes, costumes e a arquitectura galegas
 
 
A peregrinación a Santiago, obxecto da exposición Vía Iacobitana.

 A vila portuguesa de Condeixa a Nova acolle  a exposición Vía Iacobitana, os camiños de Santiago en Galicia, unha mostra organizada por Turismo de Galicia que inclúe 50 imaxes en gran formato dos fotógrafos Luis Gabú, Tino Viz e Santi López. Ademais, o departamento de Turismo da Xunta tamén organiza unha exposición fotográfica na cidade alemá de Ratisbona ao longo do mes maio.

Vía Iacobitana é unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Tres fotógrafos galegos que se transforman en eventuais peregrinos percorren os camiños de Santiago en Galicia, mostrando coa súa particular visión as sensacións persoais que lles suxire a ruta elexida.

Á visión da paisaxe circundante, cambiante segundo a época do ano, variable segundo ao tempo atmosférico e a luz, súmase a vivencia da propia peregrinación e o legado cultural que atesoura, coa presenza de cada un dos camiños, do seu rico patrimonio histórico e dos peregrinos que cada ano percorren a Vía Iacobitana que os conduce a Santiago.

Camiños vivos

Cada un destes artistas recolle nas súas imaxes todo un mundo que pasa e permanece, uns camiños vivos, plenos de evocacións e propostas. Rutas de peregrinación a Compostela ao alcance de todo aquel que se fai peregrino e desexa sentir unha experiencia milenaria que o vincula a unha xeografía sagrada única, a un itinerario universal e aberto, berce da cultura occidental. Coas imaxes propostas nesta mostra, evidénciase unha vez máis a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido aberto da peregrinación xacobea e o seu poder de sedución.

No que se refire a este mercado, o ano pasado, 12.948 portugueses fixeron o Camiño de Santiago e recibiron a Compostela, o que o sitúa ao país veciño como cuarto país estranxeiro con máis peregrinos. En 2017, Galicia recibiu 207.773 viaxeiros de Portugal que se aloxaron en establecementos hoteleiros, cun incremento do 8,9 % en relación ao mesmo período do ano anterior. Neste ámbito, o ano pasado rexistráronse 347.750 pernoitas de portugueses nos hoteis galegos, un 12,8% máis que en 2016.

Ademais, como continuación á exposición fotográfica organizada por Turismo de Galicia o ano pasado na cidade alemá de Ratisbona, este departamento da Xunta promove de novo esta mostra en 2018, entre os días 23 de abril e 5 de maio.

Trátase dunha exposición que conta con 51 fotografías de gran formato do fotógrafo Adolfo Enríquez nas que se mostran paisaxes, costumes e a arquitectura da comunidade galega, desde os prehistóricos castros, pasando polas edificacións románicas e barrocas, ata chegar aos proxectos construtivos máis contemporáneos.

Ademais a mostra inclúe unha ampla selección de fotografías relacionadas co Camiño de Santiago, a través das súas paisaxes, edificacións e peregrinos das distintas rutas.

Para a difusión deste evento en Ratisbona editáronse folletos que se distribuíron en distintos lugares senlleiros da cidade e pósters que se colocaron en oficinas de turismo e lugares públicos con gran presenza de público.

Modelo de xestión ao redor do Camiño de Santiago

O mercado alemán foi o ano pasado o segundo mercado internacional do que Galicia recibiu máis viaxeiros. Supuxo o 2,4% dos turistas estranxeiros que chegaron á comunidade galega. No eido do Camiño de Santiago, sitúase igualmente na segunda posición no ranking no mercado internacional. O ano pasado chegaron máis de 23.000 peregrinos alemáns.

 

Arriba