26 xuñ 2018

Francia, o terceiro país que suma máis viaxeiros en Galicia, achégase á oferta de turismo mariñeiro

 Un grupo de prensa especializada, entre os que se atopa a presidenta da Asociación de Xornalistas de Turismo de Francia, percorreron parte do litoral galego, dentro dunha viaxe organizada por Turismo de Galicia

 
As pernoitas dos viaxeiros franceses nos establecementos hoteleiros galegos medraron máis dun 30% durante o primeiro cadrimestre do ano e en 2017 recibiron a Compostela ao redor de 9.000 peregrinos deste país
 
Xornalistas franceses visitaron a costa galega.

 Un grupo de xornalistas franceses do sector das viaxes achegouse durante a pasada fin de semana á oferta galega de turismo mariñeiro da man de Galicia mariñeira, a denominación do programa organizado por Turismo de Galicia para dar a coñecer os recursos do litoral.

Os comunicadores, entre os que se atopa a presidenta da Asociación de Xornalistas de Turismo de Francia, Evelyne Dreyfus, desprazáronse a distintos emprazamentos da costa de Galicia e coñeceron os seus recursos e servizos turísticos. Xunto a Evelyne Dreyfus, que representa á publicación Tout pour les femmes, tamén participan xornalistas dos medios de comunicación Top-Parents, Voyager magazine, Easy voyage, Tour magazine e La Provence.

Durante a súa estadía puideron coñecer o potencial de turismo mariñeiro de Galicia a través das súas máis de 70 vilas mariñeiras, máis de 1.600 quilómetros de costa, 16 rías navegables case todo o ano e 124 bandeiras azuis nas praias e portos. Tamén visitaron lugares emblemáticos do Camiño de Santiago, probaron a gastronomía galega e coñecerán outros recursos turísticos relacionados coas festas e distintas celebracións en Galicia.

Aumenta a estadía media

Galicia mariñeira organízase, ademais, para un dos mercados estranxeiros que suma máis viaxeiros en Galicia. Nos catro primeiros meses do ano a demanda nos hoteis medrou un 30,4% como consecuencia dunha forte mellora da estadía media, xerando máis de 6.000 novas noites. O mercado francés representou nestes primeiros meses o 7,8% do total da demanda turística internacional, sendo o terceiro mercado en orde de importancia só por detrás de Portugal e Italia. En relación ao número de peregrinos, preto de 9.000 franceses recibiron a Compostela en 2017 e no que vai de ano a cifra supera os 3.300.

A organización desta viaxe inclúense no compromiso da Xunta, enmarcado na Estratexia de turismo de Galicia 2020, por impulsar as actividades de turismo mariñeiro como un dos nosos principais recursos diferenciadores fomentando para iso as visitas ás vilas tradicionais, o coñecemento das actividades pesqueiras, así como a gastronomía destas zonas e o seu patrimonio material e inmaterial. A iniciativa, afonda, ademais, no obxectivo do Goberno autonómico por acadar un destino cada vez máis internacional intensificando a curto prazo das accións de promoción en Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido.

Arriba