08 ago 2018

Nava Castro salienta que o novo spa viñoterapia de Leiro vén a reforzar os atractivos turísticos do interior de Galicia

 As instalacións sitúanse nas antigas cabaleirizas e na adega dun monumento con séculos de historia, que foi recuperado e posto en valor polo Goberno galego

 
Ourense, cun gran potencial turístico, foi a provincia na que máis medrou o número de viaxeiros no primeiro semestre, cun 8% máis de viaxeiros que o pasado ano
 
Nava Castro, na visita ao spa de San Clodio.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o novo spa viñoterapia de Leiro, instalacións impulsadas polo Goberno autonómico xunto ao Hotel Monumento Mosteiro de San Clodio. A directora salientou que este servizo reforzará os grandes atractivos turísticos do interior de Galicia como destino de calidade.

A Xunta, como sinalou, está implicada na mellora da oferta turística baseada no viño. Nese sentido, subliñou que o futuro Plan enogastronómico axudará a mellorar os recursos que ofrece Galicia e, especialmente, a provincia de Ourense, con catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas, e cuxos establecementos recibiron un 8% máis de viaxeiros no primeiro semestre deste ano, converténdose así na provincia galega cunha maior evolución.

“O aproveitamento turístico do noso patrimonio camiña da man coa súa recuperación e posta en valor”, declarou Nava Castro, quen manifestou que o spa viñoterapia de Leiro é unha instalación ambiciosa, na que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 1,2 millóns de euros para rehabilitar e equipar as ruínas das cabaleirizas e da adega nesta vila termal.

Neste espazo sitúanse as novas instalacións, resultado dunha coidada intervención e rehabilitación que permitirá ao viaxeiros gozar do descanso nun edificio con séculos de historia e onde se ofrecerán tratamentos que inclúen o emprego da uva e do viño.

Aposta polo enoturismo

Nesta liña, recordou a aposta da Administración autonómica por produtos como as Rutas do Viño ou o Bus do Viño de Ribeiro, que se puxo en marcha este verán grazas á colaboración entre a Xunta e os concellos da zona. Amais, lembrou que Galicia é a comunidade española con máis Q de Calidade no eido do turismo industrial, no que se encadran as adegas.

A directora de Turismo concluíu afirmando que a Xunta seguirá traballando conxuntamente co sector a prol dos múltiples atractivos que ofrece aos viaxeiros seguindo a ruta trazada na Estratexia do turismo de Galicia 2020. “Para acadar os diferentes obxectivos, é preciso seguir contando co compromiso de todos, aproveitar e respectar o noso patrimonio e os nosos recursos naturais e contar coa imprescindible visión a longo prazo”, engadiu.

 

Arriba