A Xunta salienta a achega do Pantín Classic Galicia Pro para facer de Galicia un referente no turismo de surf e o deporte
A competición, que o ano pasado superou os 67.000 asistentes, celébrase do 24 de agosto ao 2 de setembro con varios dos mellores surfistas do mundo
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na presentación da 31ª edición de Pantín Classic Galicia Pro, que se celebrará na praia de Pantín, no concello coruñés de Valdoviño, do 24 de agosto ao 2 de setembro, convertendo unha vez máis á Comunidade nun referente do turismo de surf e da práctica deportiva nun enclave natural.
O Pantín Classic Galicia Pro, que o ano pasado superou os 67.000 espectadores, reunirá a máis de 350 surfistas de distintos continentes para participar en dous campionatos, ambos con categoría feminina e masculina. Por unha banda, acollerá a competición enmarcada no circuíto mundial QS da World Surf League (WSL), na que participan os mellores surfistas do mundo nunha modalidade que será olímpica no vindeiro 2020. Ademais, na categoría junior, disputarase a última proba do circuíto europeo coa proclamación dos vencedores.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou que o soño dun grupo de ferroláns, pioneiros do surf, hoxe é todo un referente deste deporte a nivel internacional e constitúe o mellor escaparate para Valdoviño, a comarca de Ferrolterra e Galicia. Pantín Classic é unha fiestra aberta ao mundo que amosa cada ano o potencial que ten a costa galega para converterse nun dos principais destinos turísticos de Europa.
Neste sentido, a Xunta salientou a achega da Pantín Classic Galicia Pro para converter Galicia nun referente internacional do turismo de surf e do deporte nas últimas tres décadas, motivo polo que participa na súa promoción. Neste ámbito estanse a dar decisivos pasos con iniciativas como Galicia Surfing, o novo produto de turismo de surf, cun enfoque sustentable, impulsado polo Goberno galego e presentado a comezos de ano en Fitur.
Un destino en crecemento
Galicia Surfing pon en valor o potencial da Comunidade neste eido, apostando pola calidade, a autenticidade e a natureza, en liña coas recomendacións da Estratexia do turismo de Galicia 2020. Neste sentido, propón tres itinerarios de entre tres e 15 días que aproveitan máis de 1.500 quilómetros de costa, 124 praias recoñecidas coa bandeira azul e ondas aseguradas todo o ano pola súa variedade de orientacións, que configuran zonas de surf para todas as direccións de mareas e ventos e aptas para diferentes niveis de preparación.
Esta iniciativa, que ten moi presente o papel do Pantín Classic Galicia Pro, engádese ao apoio permanente da Xunta ao traballo da Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, xeodestino cuxa demanda turística medrou un 11% no primeiro semestre do ano.