28 ago 2018

O turismo consolídase en Galicia con melloras nas tarifas e na estadía media despois dun lustro de intensos crecementos

 A Comunidade recibiu no que vai de ano 2,2 millóns de viaxeiros que realizaron 4,3 millóns de noites nun contexto de estabilización e coa vista no Xacobeo 2021

 
Os viaxeiros deciden permanecer máis tempo en Galicia, cunha subida de máis do 5% en xullo, un mes no que os prezos hoteleiros medraron ata un 2,5%
 
A demanda hoteleira é inferior á de 2017, un ano no que se superaron todos os récords en Galicia, pero continúa a estar por riba de todos os anos anteriores
 
Os galegos anímanse a facer cada vez máis turismo dentro da súa Comunidade, ata acadar os 1,2 millóns de noites, a dato máis elevado da última década
 
O sector hoteleiro de Galicia ingresou nos sete primeiros meses máis de 145 millóns de euros, contribuíndo ao emprego e ao desenvolvemento económico
Cadro dos datos turísticos.

O turismo galego atravesa un momento de consolidación despois dun lustro de intensos crecementos. Na consecución dun modelo que afonda na calidade, o sector hoteleiro avanza en variables como o tempo medio que os viaxeiros permanecen en Galicia e as tarifas, cun crecemento do 5% e do 2,5% en xullo.

Malia que a climatoloxía non foi a mellor no sétimo mes do ano, o sector soubo manterse e mesmo mellorar un punto a ocupación nas fins de semana. Isto supón unha boa noticia e un estímulo para seguir traballando nunha oferta diversificada que, como propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020, aproveite os mellores recursos en calquera época do ano.

Nun contexto de moderación a nivel nacional, a Comunidade rexistrou nos sete primeiros meses 2,2 millóns de viaxeiros que realizaron 4,3 millóns de noites. Deles, case 500.000 turistas pasaron polos hoteis galegos en xullo, cando sumaron máis de 1,1 millóns de noites.

Os viaxeiros deciden permanecer máis tempo durante a súa viaxe, cunha suba da estadía media, acompañada dun incremento das tarifas hoteleiras. A demanda turística é inferior á de 2017, cando Galicia superou todos os seus récords, pero continúa a estar por riba de todos os anos anteriores, afianzando así o traballo desenvolvido no último lustro e coa vista posta na celebración do vindeiro Xacobeo 2021, que suporá un reforzo neste sentido.

Entre os aspectos máis salientables atópase tamén o feito de que os galegos se animen cada vez máis a facer turismo dentro da súa propia Comunidade. Isto permite ao turismo interno rozar os 1,2 millóns de noites en sete meses, a cifra máis elevada da década.

Nese contexto de melloría, o sector hoteleiro de Galicia tivo uns ingresos de 145 millóns de euros entre xaneiro e xullo, contribuíndo ao emprego e ao desenvolvemento económico.

Dentro da colaboración estable da Xunta, nos vindeiros días comezarán a promoverse os diferentes produtos da tempada de outono como parte dos obxectivos de desestacionalizar a demanda turística, poñendo en valor os recursos máis destacados de cada época do ano. 

 
Arriba