29 out 2018

A Xunta salienta a importancia de sensibilizar á mocidade galega das oportunidades que o rural ofrece no eido turístico

 A iniciativa, gratuíta e realizada entre as consellerías de Cultura e Turismo e a de Política Social, rematou coa participación de máis de 500 mozos

 
Combináronse experiencias de lecer saudable con estadías en contornas rurais que se programaron en diferentes destinos, desde Ferrolterra ao Baixo Miño
 
As actividades de Folgoso do Courel incluíron obradoiros de creación audiovisual e artes escénicas unido ao coñecemento do interior da provincia de Lugo
 
Nava Castro, con participantes en Xuventur 2018.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou en Folgoso do Courel os participantes dunha das actividades incluídas en Xuventur 2018, o programa de educación non formal impulsado polas consellerías de Cultura e Turismo e a de Política Social que se celebrou durante as fins de semana de outubro combinando o lecer saudable con estadías de fin de semana no rural.

Coa súa presenza, Nava Castro puxo en valor a importancia de sensibilizar á mocidade galega das numerosas oportunidades que as contornas rurais ofrecen no eido turístico, como un elemento clave para o seu desenvolvemento social, cultural e económico. En Folgoso do Courel, os participantes puideron formar parte de diferentes actividades de inmersión no medio natural a través da creatividade. Incluíronse obradoiros con intervencións multidisciplinares no eido da creación audiovisual, performance, artes escénicas, danza ou creación literaria, entre outras.

A edición deste ano –que contou coa participación de máis de 500 mozos- permitiu que a xuventude galega coñecese a riqueza natural, cultural e patrimonial das catro provincias. Tomando como fío condutor os recursos naturais –o primeiro motivo polo que os turistas elixen Galicia– creáronse oito programas para fomentar o seu coñecemento, o coidado e contacto co medio e o goce da paisaxe.

Incluíronse destinos como o Parque Natural das Fragas do Eume, Ferrolterra ou a Costa da Morte, na provincia da Coruña; a Mariña Lucense, o Courel e os Ancares, na de Lugo; o Baixo Miño en Pontevedra ou o Parque Natural do Xurés, en Ourense. Iniciativas como esta alíñanse coas propostas nas que está a traballar o Goberno galego, co deseño do Plan Estratéxico de Turismo Rural e o Plan Enogastronómico, dous documentos cos que seguir mellorando en eidos nos que Galicia está chamada a ser un referente. 

 

Arriba