04 dec 2018

A Xunta agradece a contribución do sector á hora de impulsar o turismo rural a través de actividades enolóxicas

 O número de viaxeiros que optan por aloxarse en establecementos en contornas rurais consolídase mes a mes, cun crecemento do 11% só en outubro

 
Nava Castro e Manuel Rodríguez Vázquez puxeron en valor as iniciativas que combinan a estadía nas contornas rurais con actividades turísticas arredor de recursos propios como o viño ao axudar tamén a impulsar o sector primario
 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez, visitaron en Arbo o proxecto enoturístico do Pazo de Almuíña, de Adegas Galegas, unha das propostas enmarcadas na Denominación de Orixe Rías Baixas e que demostran a gran contribución que o sector privado está a ter á hora de dinamizar o rural galego a través de actividades como o enoturismo.

Nava Castro e Manuel Rodríguez puxeron en valor o traballo desde establecemento, reconvertido nos anos 90 como casa de turismo rural, que permite coñecer o interior da provincia de Pontevedra enriquecendo a oferta turística de Arbo, un dos concellos incluídos na Ruta da Lamprea e tamén unha das subzonas da D.O. Rías Baixas. Enxalzaron o traballo dos impulsores por levar a cabo diferentes propostas enoturísticas que están axudando a atraer cada vez a máis viaxeiros interesados en actividades deste tipo á vez que están a axudar a impulsar o sector primario nas contornas do interior galego.

De feito, o número de viaxeiros que escollen os establecementos de turismo rural está a consolidarse mes a mes en Galicia. Así o reflicten os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que constatan que só durante o pasado mes de outubro, esta modalidade tivo un 11% máis de viaxeiros aloxados.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, salientou a importancia que ten a calidade diferenciada dentro do sector agroalimentario galego en xeral e no mundo do viño en particular. Neste mesmo sentido, lembrou que a nosa comunidade conta con cinco denominacións de orixe vitivinícolas, que ademais do seu peso como referentes no eido alimentario destacan polo seu potencial no campo do turismo enolóxico, como se pon de manifesto –engadiu– con esta iniciativa promovida por Martín Códax.

Compromiso co enoturismo

A combinación do turismo rural e a enogastronomía é tida moi en conta pola Consellería de Cultura e Turismo, como así o demostran os futuros plans nos que está a traballar para impulsar ambos eidos, aliñados coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020. Tamén ocupan un lugar destacado no modelo turístico galego dedicándolle un dos dez produtos cabeceira de marca, Paseando entre viñedos, e experiencias de éxito como os Trens Turísticos de Galicia, dos que gran parte das rutas están dedicadas á visita ás nosas zonas vitivinícolas, incluíndo a D.O das Rías Baixas.

Así mesmo, estase a realizar a sinalización turística nas rutas do viño das Rías Baixas e do Ribeiro e o calendario de actuacións para o vindeiro ano prevé realizar estes traballos tamén en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. A esta sinalización súmase o apoio decidido á promoción destes itinerarios vitivinícolas a través dos máis de 230.000 euros comprometidos por Cultura e Turismo ata o 2021 e mesmo o impulso ao Museo do Viño do Condado de Tea, para o que, grazas á colaboración de diferentes departamentos da Xunta, este mesmo ano foi posible dotar de contido ao proxecto museístico, situado en Salvaterra de Miño.

 
Arriba