16 set 2019

Turismo de Galicia promociona as Illas Cíes e a candidatura a Patrimonio Mundial do Parque Nacional nunha viaxe para turoperadores rusos

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, acompañaron a un grupo de turoperadores nunha das accións de promoción organizada pola Xunta de Galicia durante esta semana

 
Nava Castro e Corina Porro, desembarcando nas Illas Cíes.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, acompañaron a un grupo de axentes de viaxe do operador turístico ruso Vremia Tours na súa visita ás Illas Cíes, unha das paradas incluída na viaxe de promoción organizada pola Xunta que os está a levar a distintos puntos de Galicia esta semana.

Os membros do que é un dos principais turoperadores de Rusia puideron coñecer e percorrer parte da illa norte, realizar a ruta da pedra da campá, coñecer a praia de Rodas, visitar o observatorio de aves e comprobar as vistas do arquipélago. Deste xeito, coñeceron así parte da candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a única existente e rexistrada na Unesco.
 
Con esta actividade a Xunta promoveu esta semana no mercado ruso gran parte da oferta turística galega que, ademais das Illas Cíes, incluíu as cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, A Mariña lucense ou recursos naturais como o Parque Natural das Fragas do Eume, e concellos como O Grove -coa illa da Toxa-, Combarro, Allariz, Pontevedra ou Ourense, onde se incluíu unha xornada de descanso termal.
 
Esta viaxe de familiarización organizada en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Moscova enmárcase no traballo realizado pola Xunta de Galicia neste mercado de especial interese, que se completa durante o ano con presenza en feiras turísticas como a MITT de Moscova, na que se leva participando de xeito ininterrompido desde o ano 2012, ou cursos de capacitación para dar a coñecer o destino, entre outras accións.
 
Incremento do mercado ruso
O mercado ruso sitúase no top 20 dos países estranxeiros dos que recibimos máis viaxeiros. A súa demanda turística medrou un 37% nos últimos seis anos e, ademáis, o mercado ruso é especialmente receptivo a visitar Galicia fóra de tempada alta. De feito, en 2019, a cifra de viaxeiros aloxados está a subir un 18% e o volume de noites un 21% en comparación co mesmo período de 2018. É o cuarto ano consecutivo no que se observa un comportamento positivo do mercado ruso en Galicia.
 
Arriba