23 set 2019

Roman Rodríguez subliña que a incorporación da Q de Calidade no Camiño permitirá ofrecer mellores servizos aos peregrinos

O conselleiro de Cultura e Turismo asinou un convenio co presidente do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para implantar melloras neste eido

Deseñaranse por vez primeira medidas para que albergues e espazos singulares das distintas Rutas Xacobeas poidan recibir este recoñecemento de excelencia
 
Impulsarase a creación das chamadas ‘Rutas Q’, con proxectos piloto no Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, ademais de dúas rutas vitivinícolas
 
O presidente do ICTE, Miguel Mirones, destaca que Galicia volve ser pioneira na implantación de políticas turísticas baseadas na calidade para a planificación e promoción das rutas do Camiño de Santiago
 
O conselleiro deCultura e Turismo e o presidente do ICTE.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou a importancia de estender a Q de Calidade ao Camiño de Santiago para ofrecer mellores servizos aos peregrinos que percorren esta ruta. Fíxoo tras a sinatura dun convenio co presidente do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), Miguel Mirones, que permitirá desenvolver un proxecto pioneiro neste eido a nivel nacional baixo o título de Galicia, apostando pola calidade.

Ao abeiro deste acordo impulsarase a creación das chamadas Rutas Q, unha figura pioneira en España onde se incluirán como proxecto piloto o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, así como as Rutas dos Viños das Denominacións de Orixe das Rías Baixas e da Ribeira Sacra. Grazas a esta distinción, identificaranse diferentes sectores turísticos situados nestas catro rutas –tales como albergues ou espazos singulares das Rutas Xacobeas– e definiranse os criterios técnicos para que poidan ser recoñecidos coa Q de Calidade.

O titular de Cultura e Turismo destacou que grazas a este acordo poderán deseñarse por vez primeira ferramentas para certificar con este distintivo a calidade dos albergues. En concreto, crearanse ferramentas de calidade específicas que avaliarán o seu sistema de xestión, os seus servizos e os seus equipamentos. Ademais, o convenio permitirá outorgar esta certificación a espazos públicos singulares dos distintos Camiños tales como prazas, xardíns, monumentos de interese, faros ou paseos marítimos, entre outras.

Román Rodríguez puxo en valor a importancia de fomentar a calidade e a excelencia no Camiño de Santiago na antesala do próximo Xacobeo 21. De feito, lembrou que a aposta por un turismo de calidade é un dos obxectivos recollidos no Plan Estratéxico do vindeiro Ano Santo co obxectivo de dinamizar os distintos territorios que percorren as Rutas Xacobeas.

Plan de albergues e Plan MAT

As medidas recollidas neste acordo implementaranse como proxecto piloto en 30 albergues, 10 espazos públicos singulares e 50 organizacións turísticas dentro das 4 Rutas Q que abrangue o proxecto. Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo agardou que esta medida sirva “para que o nome de Galicia e do Camiño de Santiago siga estando asociado a un turismo de calidade”.

Precisamente, ese é un dos obxectivos do novo Plan de Albergues que presentou a semana pasada o Goberno galego e que inclúe a creación de oito novos establecementos nas distintas rutas e melloras en toda a rede pública da Xunta.

Co fin de mellorar a calidade da oferta turística galega, o Executivo autonómico puxo en marcha outras medidas como o Plan MAT de Mellora de Aloxamentos turísticos con catro millóns de euros nas súas dúas primeiras liñas para renovar as instalacións de establecementos de aloxamento. Ademais, a Xunta aprobou axudas de preto de medio millón de euros para impulsar a marca Q de calidade nos establecementos e servizos turísticos de Galicia.

Referente internacional

Pola súa banda, Miguel Mirones, presidente do Instituto para la Calidad Turística Española, afirmou que, con este convenio, Galicia vaise converter no primeiro destino turístico a nivel mundial que logre certificar rutas turísticas de forma integral. “Concibir unha ruta turística na que os principais recursos turísticos da mesma, así como os aloxamentos preparados para os peregrinos e os espazos singulares teñan unha certificación de calidade, non só será un valor engadido para aqueles que realicen esa ruta, senón que reforzará e renovará a nivel mundial o Camiño de Santiago ‒un referente internacional como produto turístico‒ que agora o será tamén no que á xestión do mesmo se refire”, subliña.

Por outra parte, destaca Miguel Mirones, “coa culminación deste proxecto, Galicia, practicamente con toda seguridade, se colocará á cabeza das comunidades autónomas en cuanto ao número de certificacións Q se refire, xa que se actualmente ocupa o segundo lugar despois de Andalucía, como mínimo o medio centenar de certificacións que se sumarán tras executarse o convenio nos anos 2019 e 2020 situarán a esta Comunidade á cabeza da clasificación”. E todo isto, prosegue, “é froito dunha decidida e constante aposta da Xunta pola calidade en todas as súas políticas turísticas, garantindo así a sostibilidade dun destino turístico que, sen dúbida, se pode cualificar xa de caso de éxito na xestión dun destino turístico, na que unha marca como o Xacobeo actúa como paraugas de acciones e promocións que se executan ao longo do tempo independentemente da celebración concreta dos Anos Santos”.

 

Arriba