07 xan 2020

O Nadal Solidario da Xunta pecha as súas portas no Tinglado superando as 200.000 visitas e un cento de actividades

 Empresarios e vigueses mostraron o seu lado máis solidario con doazóns de colchóns, téxtil, alimentación ou xoguetes para as entidades sociais que participaron

Cativos e adultos tiveron a oportunidade de coñecer os xogos máis tradicionais e Galicia, a billarda, os bolos e a chave, da man de monitores expertos
 
As bandas escola de Matamá, San Miguel de Oia, Valladares e Candeán e o grupo Mariachi Noche de Ronda de Redondela amenizaron a derradeira noite no Tinglado
 

 O Nadal Solidario da Xunta de Galicia chegou  a súa fin tras tres semanas de intensa actividade nas que se chegaron a programar un cento de actividades. Segundo informou a delegada territorial en Vigo, Corina Porro, superáronse todas as expectativas con máis de 200.000 visitas desde a súa apertura ao público o pasado 16 de decembro. En canto ás doazóns, empresas e vigueses mostraron a seu lado máis solidario coa achega de colchóns, roupa, produtos de alimentación ou xoguetes ademais doutras achegas a través dos vales compromiso para as entidades sociais que participaron neste espazo. En total 24 ONGs que tiveron a oportunidade de amosar o importante traballo que desenvolven ao longo de todo o ano.

En canto a programación deste sábado, o Tinglado acolleu unha das actividades máis esperadas para facer as delicias dos máis cativos e tamén dos adultos, que puideron gozar da man dos xogos máis populares e tradicionais de Galicia, recuperados e postos en valor nos últimos anos.

Así, no exterior do Tinglado dispuxéronse tres zonas diferenciadas onde os nenos e nenas e os seus familiares tiveron a oportunidade de aprender a xogar á billarda, os bolos e á chave, a través de monitores expertos que lles explicaron as regras que rexen en cada caso, e houbo ata reparto de regalos entre os xogadores. Unha boa maneira de despedir estas datas de Nadal que están a piques de chegar ao seu fin.

E moitas foron as persoas que nesta última xornada do Nadal Solidario da Xunta de Galicia se achegaron ata o porto vigués para participar nos talleres infantís, ver o Nacemento da Catedral de Santiago e presenciar as actuacións das bandas escola de Matamá, San Miguel de Oia, Valladares e Candeán e o grupo Mariachi Noche de Ronda de Redondela.

 

 

 

 

 

Arriba