15 xan 2020

Turismo de Galicia e o Concello de Santiago acordan reforzar a cooperación na regulación das vivendas uso turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os concelleiros Mercedes Rosón e Gumersindo Guinarte participaron na primeira reunión do equipo de traballo

Acordouse intensificar a coordinación coa Policía Local na identificación dos propietarios destes inmobles e na notificación dos identificados como irregulares

Facilitouse a ferramenta coa que a Xunta localizará de xeito preciso as áreas afectadas pola nova moratoria onde o Concello non permite os usos turísticos

 

Reunión sobre las viviendas de uso turístico en Santiago.

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago participaron  na primeira reunión do equipo de traballo entre ambas institucións para intensificar a coordinación e colaboración ao redor das vivendas de uso turístico. 

No encontro, no que participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os concelleiros de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o de Turismo, Gumersindo Guinarte, acordouse intensificar a coordinación coa Policía Local á hora de facilitar á Administración autonómica a identificación dos propietarios dos inmobles, así como informar sobre os que identifiquen que poden ser irregulares. Preténdese así reforzar a cooperación co corpo de inspección da Xunta de Galicia.

Facilitouse ademais a ferramenta coa que a Xunta poderá localizar a partir de agora de xeito máis preciso as vivendas afectadas pola nova moratoria acordada polo Concello de Santiago que entrou en vigor en decembro. Segundo esta decisión urbanística municipal, prohíbese a utilización das vivendas para actividade turística nesas áreas e, no marco das competencias de cada Administración, desde a Xunta estase a respectar esa decisión rexeitando as solicitudes de vivendas de uso turístico situadas nas áreas afectadas. 

Puxéronse tamén sobre a mesa as diferentes novidades que entraron en vigor este mesmo ano e que facilitarán o labor de inspección, especialmente a obrigatoriedade de que as vivendas de uso turístico inclúan naquelas plataformas informáticas nas que se oferten o código de inscripción que os titulares reciben cando a súa vivenda queda rexistrada no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT).

A reunión de terá continuidade con diferentes encontros técnicos que se realizarán nos próximos días así como comisións de seguimento para seguir ordenando de xeito conxunto  entre todas as institucións e axentes implicados esta modalidade de aloxamento. 

 
Arriba