03 feb 2020

Galicia reforzará os seus vínculos con Xapón, que multiplicou por catro os seus peregrinos nunha década

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurouen Padrón na inauguración da exposición fotográfica ‘Kumano Kodo. Camiño de peregrinación’

 

Nava Castro, na inauguración da exposición sobre KumanoKodo.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manifestou a intención da Xunta de seguir reforzando vínculos con Xapón para continuar promovendo o destino galego e a cultura xacobea nun dos países que máis están medrando en número de peregrinos nos últimos anos, cun crecemento do 82% desde o último Ano Santo.

Nava Castro fixo estas declaracións durante a inauguración da exposición fotográfica KumanoKodo. Camiño de peregrinación apoiada pola Xunta que abriu as súas portas en Padrón e que poderá visitarse ata o mes de abril. Como comentou, Xapón é un dos países que máis crecemento está a ter no eido xacobeo, e recordou o especial vínculo que Galicia e ese país manteñen a través dos seus camiños de peregrinación.

De feito, o Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano Kodo de Xapón suman xa máis de 20 anos de irmandamento. Son dúas das máis importantes rutas de peregrinación do mundo, están protexidas pola Unesco e desde o seu irmanamento comezaron unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre o país nipón e Galicia.

Durante o acto, Nava Castro subliñou os valores comúns que ambos camiños de peregrinación comparten a pesar de ter xurdido en territorios a miles de quilómetros de distancia e cunha raíz relixiosa diferente. Lembrou que ambas rutas contan con símbolos que guían aos peregrinos, dispoñen dunha vestimenta tradicional, están rodeadas de natureza e posúen sobranceiras mostras do patrimonio cultural.

Peregrinos xaponeses

Ademais, celebrou que cada día sexan máis os peregrinos xaponeses que percorren a ruta xacobea. O país nipón rematou 2019 entre as 25 nacionalidades con máis representantes e, ademais, na última década, o seu volume de peregrinos multiplicouse ata por catro.

A exposición inaugurada hoxe xa pasou por Tokio e posteriormente Santiago de Compostela e París. Agora pode verse na sede da Fundación Camilo José Cela e conta con pezas do fotógrafo Luis Ocaña, que ofrece a súa interpretación do Camino Kumano Kodo. Pode visitarse de martes a sábados de 10,00 a 14,00 e de 16.00 a 19,00 horas ata o 11 de abril.

 
Arriba