17 feb 2020

Nava Castro salienta a positiva contribución da enogastronomía para o impulso turístico da provincia de Lugo e do seu rural

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiron á presentación do Campionato Oficial de Tapas e Pinchos de España

 
A directora de Turismo de Galicia, na presentación de Lugo.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asistiron á presentación, do Campionato Oficial de Tapas e Pinchos de España, onde puxeron en valor a contribución da enogastronomía galega para o impulso turístico desta provincia e do seu rural.

Durante o acto, Nava Castro puxo en valor o potencial culinario da provincia, avalado por unha materia prima singular e propia, así como do traballo dos profesionais do sector. Salientou tamén a súa capacidade para diversificar a actividade turística, desestacionalizar fixar poboación e abrir oportunidades de negocios, así como o positivo impacto que as celebracións gastronómicas teñen para o impulso turístico da provincia.

Neste sentido, púxose de manifesto a importancia de celebracións como a festa do bonito de Burela, que recentemente foi declarada de Interese Turístico Nacional, pero tamén festas como a da troita da Pontenova, a do Ourizo de Cervo, a da Filloa de Muimenta, a da Castaña de Folgoso do Courel, a da Faba de Lourenzá, a do Queixo do Cebreiro, a do Aceite de Quiroga; ou a do Butelo, da Fonsagrada, entre outras moitas.

A combinación destes recursos xunto co traballo dos profesionais do sector está a ter, dixo Nava Castro, un efecto moi positivo na imaxe de Lugo como destino. De feito, o Instituto Nacional de Estatística sitúa a esta provincia como a provincia galega na que máis medrou o ano pasado a demanda turística.

O primeiro Campionato Oficial de Pinchos e Tapas de España p está organizado pola Confederación Empresarial de Hostelería de España e celebrarase o vindeiro 25 de marzo na Escola de Hostelería da Casa de Campo de Madrid. Nel poden participar os representantes das asociacións de hostelería participantes que no caso de Lugo será o restaurante Paprica. Os participantes competirán por tres premios nos que se valorarán, entre outros aspectos, a calidade, orixinalidade, presentación e uso de produto autóctono.

 

 

 

Arriba