21 feb 2020

O XI Congreso de Estudos Xacobeos analiza o papel de Berenguel de Landoria na peregrinación a Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou o encontro, que se celebra ata o sábado no Museo das Peregrinacións e de Santiago e conta coa intervención de especialistas internacionais de gran proxección

 

Inauguración do congreso en Santiago.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou o XI Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, que este ano está dedicado á figura do arcebispo Berenguel de Landoria con motivo do sétimo centenario da súa chegada á sede compostelá.

Durante a súa intervención, o titular de Cultura destacou o papel deste persoeiro histórico, “un dos verdadeiros promotores do culto a Santiago xunto cos copistas do Códice Calixtino” e impulsor da función vertebradora da sociedade do Camiño de Santiago a través de tres pilares: infraestrutura física e asistencial, o patrimonio cultural e paisaxístico e a convivencia na ruta dos peregrinos. “Todos estes valores fan do Camiño unha canle de comunicación e de cultura recoñecida en todo o mundo, algo que temos que agradecer ao arcebispo Berenguel de Landoria”, afirmou Román Rodríguez.

Este encontro, organizado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, celébrase no Museo das Peregrinacións e de Santiago e conta con representantes de Alemaña, Polonia ou Estados Unidos, entre outros. Todos eles son veteranos representantes de institucións, cátedras e centros de estudos, aos que se unirán especialistas con gran proxección que tamén presentan valiosas reflexións e achegas sobre aspectos significativos de Berenguel de Landoria e sobre a cultura xacobea.

Coñecemento no Xacobeo 21

A cita, que se celebra desde o ano 1993, conta coa dirección científica de Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e doutora en historia pola Universidade da Sorbona (París) e directora de Investigación emérita no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia. Neste contexto, Román Rodríguez invitou a todo aquel que investiga e escribe sobre o culto a Santiago e á peregrinación xacobea a que sigan participando neste e en vindeiros encontros nos que xogan un papel fundamental para seguir afondando no legado xacobeo, ao tempo que contribúen a que Europa e Galicia “sexan o espazo de convivencia e progreso que todos desexamos”, concluíu.

Cómpre destacar que este edición enmárcase na programación do Xacobeo 21 presentada o pasado mes de decembro e que ten por obxectivo que a poboación galega participe e goce do Camiño. Máis polo miúdo, este Congreso forma parte do programa Xacobeo Reflexión co que a Xunta busca xerar un espazo de análise da realidade espiritual e da carga simbólica do Camiño e do Xacobeo a través do coñecemento e do debate.

 

Arriba