02 mar 2020

Turismo de Galicia traslada aos 14 concellos do Camiño de Inverno as propostas de mellora e sinalización nesta ruta na antesala do Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo mantivo un encontro con representantes dos municipios deste itinerario para expoñer o proxecto antes da súa licitación

Subliñou a importante presenza do patrimonio cultural neste Camiño que atravesa a Ribeira Sacra, un espazo que opta a ser recoñecido como Patrimonio Mundial
 
Román Rodríguez, cos alcaldes do Camiño de Inverno.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha xuntanza de traballo cos representantes dos 14 concellos polos que transcorre o Camiño de Inverno na que trasladou as accións de sinalización, acondicionamento e mellora que a Xunta levará a cabo nesta ruta na antesala do Xacobeo 2021. As actuacións realizaranse en 190 quilómetros deste itinerario por un importe inicial de 1,5 millóns de euros e supoñen a culminación dos investimentos do Plan Director do Camiño de Santiago.

O encontro reuniu a rexedores e representantes dos municipios da Pobra do Brollón, A Rúa, Carballeda de Valdeorras, Chantada, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Lalín, Ribas de Sil, Rodeiro, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

O obxecto da xuntanza foi informarlles das liñas xerais de traballo que se acometerán nestes concellos e que inclúen accións de mellora da sinalética, tanto horizontal como vertical, a instalación de cunchas de bronce nos lugares declarados BIC e a posta en marcha de actuacións de rehabilitación en liña coas obras realizadas nos diferentes Camiños de Santiago. Este é o paso previo á súa licitación, na que se dá continuidade ao diálogo establecido para que os concellos poidan facer as súas achegas.

Segundo o responsable de Cultura e Turismo da Xunta, esta iniciativa ten por obxectivo preparar este itinerario de cara ao próximo ciclo Xacobeo que comezará en 2021. Neste sentido, destacou o potencial de crecemento desta ruta e que o ano pasado experimentou un incremento do 47% segundo as cifras da Oficina do Peregrino. Entre as súas particularidades citou que se trata do único itinerario que transcorre polas catro provincias, ademais de atravesar o corazón da Ribeira Sacra, que opta a ser declarado Patrimonio da Humanidade.

Colaboración institucional

Román Rodríguez lembrou que o Camiño de Inverno transcorre tamén nos seus inicios por un espazo paisaxístico das Médulas, declarado Patrimonio Mundial, convertendo a esta ruta nun referente no eido do patrimonio cultural. Ademais, o conselleiro de Cultura e Turismo chamou a todos os axentes implicados a traballar de xeito conxunto para impulsar o Camiño de Inverno na antesala do vindeiro Ano Santo. Explicou que a posta en valor desta ruta favorecerá aos concellos polos que discorre, promovendo a cohesión territorial e a dinamización destes territorios, favorecendo a creación de emprego.

 

Arriba