02 mar 2020

Galicia presentou a súa oferta especializada de turismo de natureza e ornitolóxico na principal feira do sector

Un ano máis, a Comunidade galega participa na feira FIO cun expositor desde o que se ofrece información de produtos especializados como ‘Galicia Birding’

Recinto de Galicia en FIO.

 Galicia participou estes días no principal certame de turismo de natureza e ornitolóxico, a Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, que se celebrou no Parque Nacional de Monfragüe, en Estremadura. A Comunidade participou cun expositor no que os visitantes e profesionais puideron coñecer a oferta natural e especialmente os produtos vinculados aos recursos ornitolóxicos galegos que inclúe máis de 100 roteiros polas catro provincias.

Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa e unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España.

No expositor de Galicia amosáronse os diferentes recursos naturais e especialmente as posibilidades da Comunidade para coñecer espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa xeografía, con ata doce áreas que destacan pola súa maior potencialidade: Zonas húmidas da Terra Chá, Rías de Ribadeo e Foz, Ría de Ortigueira e Cariño e Estaca de Bares, A Costa da Morte, O Grove e o PN Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, A Guarda e o esteiro do Miño, Os Ancares e Montes de Cervantes, Oímbra, Monterrei e Verín, A Limia, Canón do Sil, Serra de Enciña da Lastra e Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés.

Ao abeiro da experiencia Galicia Birding propóñense 148 roteiros e identifícanse 600 puntos destacados desde o punto de vista ornitolóxico.

 

Arriba