03 xuñ 2020

Turismo de Galicia lanza 500 prazas gratuítas de teleformación en seguridade sanitaria para os albergues do Camiño de Santiago

 Están programados cinco webinarios nos que se achegarán medidas hixiénico-sanitarias para a reactivación destes establecementos ante a covid-19

 
As accións comezarán o 9 de xuño e o prazo de inscrición está aberto en www.turismo.gal/galiciadestinoseguro
 
Os cursos contarán con 500 prazas.

A Consellería de Cultura e Turismo vén de abrir o prazo de inscrición das novas accións formativas gratuítas en materia hixiénico-sanitaria destinadas aos albergues do Camiño de Santiago que se enmarcan no programa Galicia destino seguro posto en marcha pola Xunta para a mellora da formación dos profesionais do turismo e favorecer a súa adaptación á nova realidade.

En total, durante este mes de xuño ofreceranse 500 prazas gratuítas para os profesionais da catro provincias a través dunha xornada na que se achegarán medidas hixiénico-sanitarias para a reactivación dos albergues ante a covid-19. A finalidade é orientar as actuacións dos albergues na fase de reactivación da actividade para garantir a saúde no ámbito laboral tanto das persoas traballadoras como dos peregrinos e turistas.

A primeira das accións celebrarase o martes 9 de xuño cun webinario especialmente dirixido aos albergues da provincia de Lugo. A seguinte data será o 12 de xuño, tamén para os albergues desta provincia. Para os situados na provincia da Coruña están previstas dúas datas: o 16 e o 18 de xuño. Finalmente, para os establecementos das provincias de Pontevedra e Ourense o webinario celebrarase o venres 20 de xuño.

En todos os casos cada webinario terá unha hora de duración e dará comezo ás 11,00 horas. A participación e gratuíta e o prazo está aberto no apartado de formación da páxina web www.turismo.gal/galiciadestinoseguro. O aforo máximo de cada unha destas accións formativas é de 100 prazas, por rigorosa orde de inscrición. Ademais, unha vez rematado o webinario durante 15 días, porase a disposición dos albergues un servizo de asistencia online, onde se dará resposta ás dúbidas específicas de aplicación de ditas medidas hixiénicas sanitarias.

Para guías profesionais e cámpings

Xunto á formación para albergues, tamén se vén de abrir o prazo para a participación en cursos formativos sobre medidas para redución de riscos hixiénico-sanitarios no contexto da covid-19 tanto para cámpings como para guías profesionais de turismo.

No caso dos guías profesionais as datas son o 12 e 13 de xuño, con 250 prazas para cada un dos días e con inscrición gratuíta por orde de inscrición. Os profesionais vinculados cos cámpings teñen tamén pechada a data, neste caso do 11 de xuño, para recibir esta formación gratuíta e voluntaria. En todos os casos o prazo tamén está aberto no apartado de formación de www.turismo.gal/galiciadestinoseguro. Está previsto que durante o mes de xuño se programen novas accións formativas sectorializadas para outros campos do turismo que serán publicitadas na mesma páxina web.

Ademais das actuacións recollidas neste plan de formación, o programa Galicia destino seguro complétase con medidas de asesoramento e apoio económico ás empresas turísticas galegas para a súa adecuación ao contexto actual.

 

 

Arriba