22 dec 2020

A Xunta inviste 1,2 M€ nun 'seguro coronavirus' que estará a disposición dos turistas que veñan a Galicia

 Rueda explica que entrará en vigor a partir do primeiro trimestre de 2021 e cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización no caso de infección por covid-19

 
 
O seguro entrará en vigor en 2021.

 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou  na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta que o Goberno galego investirá 1,2 millóns de euros nun seguro coronavirus que estará a disposición de todos os viaxeiros que veñan a Galicia en calidade de turistas.

É unha medida novidosa que, segundo explicou Rueda, entrará en vigor a partir do primeiro trimestre de 2021 e “cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización” no caso de infección por coronavirus e, tamén se tivese que gardar corentena por prescrición médica, aínda sen ser positivo.

Máis polo miúdo, o vicepresidente primeiro detallou que non será preciso solicitalo e que terá activo un servizo de atención telefónica 24 horas ao día en galego, castelán e inglés. Ademais todos os casos positivos que se reporten alí terán que ser coñecidos e validados pola Consellería de Sanidade.

A maiores, Rueda explicou que a única condición é que o viaxeiro non tivera contraído a enfermidade antes de chegar a Galicia e que non fixera a viaxe naqueles casos nos que estea, de ser o caso, desaconsellado ou prohibido polas autoridades sanitarias en orixe.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de choque de reforzo do sector turístico, que, cunha dotación de 35,7 millóns de euros, incluirá outras medidas como incentivos ao consumo ou apoio aos turoperadores para a creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia.

Para concluír o vicepresidente primeiro insistiu en que con este seguro “estamos reforzando esa sensación que ten que ser real de destino seguro e, sobre todo, de recuperación da confianza do viaxeiro nestes momentos tan complicados para o turismo e ás portas do Xacobeo cremos que é fundamental para calquera persoa que se estea plantexando vir”.

 

Arriba