22 dec 2020

Turismo de Galicia redistribuirá o espazo e mellorará a accesibilidade do albergue público de Palas de Rei

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións ás que o Goberno galego destinará case 411.000 euros para o seu acondicionamento

 
Trátase dunha das actuacións incluídas no Plan de Albergues da Xunta, que conta cun orzamento de 7M€ dirixido a ampliar a rede pública con 8 novos albergues e a levar a cabo as melloras necesarias nas infraestruturas existentes
 
Alfonso Rueda destacou a importancia de contar con albergues seguros cos que garantir un servizo de calidade aos peregrinos e incidiu na aposta da Xunta por un Camiño Seguro co obxectivo de reactivar a peregrinación no Xacobeo 2021
 
Alfonso Rueda, no albergue de Palas de Rei.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o albergue público de Palas de Rei, onde o Goberno galego investirá case 411.000 euros na redistribución das instalacións e na mellora da súa accesibilidade. Na visita, na que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, avanzou que as melloras permitirán mellorar a accesibilidade, un dos piares do Plan de Albergues 2019-2021, dotado con 7 millóns de euros.

Deste xeito, a Xunta a través deste plan prevé ampliar con 8 novos albergues a rede pública, integrada na actualidade por un total de 70. Ademais, inclúe reformas e rehabilitacións nos xa existentes co obxectivo de contar con instalacións acondicionadas para a estadía dos peregrinos. Con este Plan, o Goberno galego avanza no seu compromiso de velar por unha óptima experiencia dos camiñantes, dotándoos de mellores infraestruturas e servizos.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a necesidade de contar de cara o Xacobeo 2021 con albergues seguros, motivo polo cal xa teñen implantados tódolos protocolos fronte a covid-19 para que os peregrinos que teñan previsto facer o Camiño saiban que poden realizalo con tódalas garantías sanitarias. Ademais, lembrou que co obxectivo de ofrecer un servizo de calidade e seguridade, a Xunta habilitou unha plataforma online para facilitar as reservas nos albergues públicos e formou a 300 albergueiros sobre medidas hixiénico-sanitarias. Tamén facilitou a adquisición de material de protección ante a covid-19 aos albergues privados, mediante unha liña de axudas para o sector turístico.

Alfonso Rueda sinalou que a Xunta aposta por un Camiño Seguro de cara a reactivación da peregrinación nun Ano Santo que será diferente, pero o mellor dos Xacobeos posibles. Así, o Goberno galego colabora co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para aplicar nas instalacións e servizos turísticos dos concellos que atravesan as distintas rutas xacobeas tódolos protocolos de prevención fronte ao coronavirus.

 

Arriba