29 dec 2021

Turismo de Galicia organiza un concurso para promover a participación cidadá na iluminación artística de edificios do Camiño de Santiago

 Os participantes deberán subir ás redes sociais un selfie cos hashtags #AcendeOXacobeo e #EnciendeElXacobeo e elexiranse aos tres mellores que serán premiados cunha experiencia gastronómica e unha estancia en Galicia

Nesta iniciativa participan 11 comunidades autónomas e iluminaranse 98 edificios en tres fases

 
O concurso remata ás 24.00 horas do día 31 de decembro,

As 18,15 horas do día 22 de decembro foi o momento marcado para o inicio da iniciativa #AcendeOXacobeo #EnciendeEl Xacobeo pola que se iluminarán artisticamente 98 edificios históricos e singulares ao longo do Camiño de Santiago, dentro dunha actividade organizada pola Xunta como prólogo ao inicio do Xacobeo 2021 e na que participan 11 comunidades autónomas.

Simulando o camiñar dos peregrinos, iranse iluminando edificios en lugares cada vez máis próximos a Santiago de Compostela, onde o día 31 culminará esta acción co acendido de distintos monumentos en Santiago de Compostela.

Para complementar e dar máis difusión á acción, proxectarase un vídeo de animación que recree a peregrinación a Santiago. Esta proxección farase sobre a torre do Reloxo da Catedral de Santiago e manterase durante todo o desenvolvemento da acción ata o 31 de decembro.

Co obxectivo de fomentar a participación cidadá neste acontecemento, a Xunta, a través de Turismo de Galicia, vén de organizar un concurso de fotografía onde os participantes deberán facerse un selfie individual ou colectivo, co edificio iluminado detrás.

Aquelas persoas que queiran participar nesta actividade só terán que subir ás redes sociais a imaxe cos hashtags #AcendeOXacobeo #EnciendeElXacobeo entre hoxe e o día 1 de xaneiro de 2021.

Logo, un xurado constituído por persoal de Turismo de Galicia, atendendo tanto á súa orixinalidade como aos seus valores, elixirá tres selfies gañadores, que poderán gozar dunha experiencia gastronómica nun restaurante con estrela Michelin e unha estancia gastronómica de fin de semana nun establecemento galego, a desfrutar ao longo do ano 2021.

A participación está aberta a todos os cidadáns españois maiores de 18 anos e as fotografías poderán realizarse diante de calquera dos edificios iluminados nas distintas comunidades autónomas que participan nesta iniciativa.

 
Arriba