09 mar 2021

Turismo de Galicia destina mais de 467.000 euros ao novo albergue de Ferrol, situado nun dos puntos de saída do Camiño Inglés

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou a Casa do Mar, situada no porto de Ferrol, onde estará ubicado o novo albergue

Alfonso Rueda que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, indicou que estas obras permitirán mellorar a acollida aos peregrinos nesta cidade
 
A Xunta leva tempo traballado para ter todo preparado neste Xacobeo, dende acondicionar instalacións ata mellorar os contornos e, sobre todo e coa chegada da crise sanitaria, en ser un destino seguro
 
Visita ao albergue de peregrinos de Ferrol.

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou a Casa do Mar, situada no porto de Ferrol, onde indicou, na presentación do proxecto, que a Xunta vai destinar mais de 467.000 euros para o novo albergue neste edificio situado nun dos puntos de saída do Camiño Inglés.

Alfonso Rueda que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, indicou que estas obras permitirán mellorar as infraestruturas para presentar unha oferta competitiva e de calidade, sobre neste ano Xacobeo, a todos os peregrinos. De aí,que un dos obxectivos do Goberno galego sexa ampliar a rede de albergues e ir mellorando os actuais.

O proxecto de reforma na antiga Hospedaría situada no último andar da Casa do Mar permitirá que a cidade de Ferrol conte cun novo albergue para o aloxamento dos peregrinos que se acheguen a esta cidade. “Sendo un espazo completamente idóneo xa que esta Casa do Mar é o punto de partida do Camiño Inglés”, indicou Alfonso Rueda.

A Xunta leva tempo traballado para ter todo preparado ante esta ocasión única dun Xacobeo que se estende dous anos, traballando en diferentes ámbitos, dende acondicionar instalacións ata mellorar os contornos e, sobre todo e coa chegada da crise sanitaria, en ser un destino seguro.

Os albergues galegos contan xa con todos os protocolos de prevención coa posta en marcha de tódalas medidas necesarias ante a covid-19 nas instalacións da rede pública e cunha liña de axudas para adquirir material de protección para os establecementos turísticos, incluídos os albergues privados.

O Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021 inclúe o Plan de Albergues, que recolle a mellora e creación de novos albergues de peregrinos. Dende 2015 as actuacións de mellora da Rede Galega de Albergues están supoñendo un investimento de 15,7 millóns de euros, onde se encadra o investimento da creación do albergue de Ferrol.

 

Arriba