10 mai 2021

A Xunta e a Fundación Menela presentan Xacobeo Autismo. Un camiño de todos no marco do programa “O teu Xacobeo”

 A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, valorou a iniciativa na que 20 persoas con autismo vivirán e compartirán a súa experiencia como peregrinos

Os participantes do centro de adultos Castro Navás percorrerán seis etapas do Camiño Portugués pola Costa, desde Nigrán ata Pontevedra, a partir do 11 de maio
 
Acto de presentación en Nigrán.

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a Fundación Menela presentaron  Xacobeo Autismo. Un Camiño de Todos, unha iniciativa enmarcada no programa de “O Teu Xacobeo”, na que 20 persoas con trastorno do espectro do autismo vivirán e compartirán a súa experiencia como peregrinos. Un acto no que tamén participou o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez.

A representante autonómica valorou a proposta da Fundación Menela polo seu compromiso coa integración das persoas con autismo e a dinamización do Camiño Portugués pola Costa. Deste modo, os participantes do centro de adultos Castro Navás de Nigrán percorrerán seis etapas desta ruta xacobea, unha das que máis creceu en afluencia nos últimos anos, tal e como destacou a delegada.

A saída está prevista para o 11 de maio desde Nigrán e estenderase ata o día 27, data na que finalizarán o percorrido en Pontevedra. O proxecto Xacobeo Autismo. Un Camiño de Todos, que contou cunha achega do Executivo autonómico de preto de 14.000 euros, invitará aos centros educativos, aos colectivos sociais e aos concellos nas localidades de paso do Camiño Portugués pola Costa a acompañalos de forma virtual. Asemade, contribuirán á accesibilidade cognitiva do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización dos espazos con pictogramas.

Neste contexto, Fernández-Tapias subliñou o éxito do programa de “O Teu Xacobeo”, que tal e como expuxo “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.

Así, a delegada sinalou que en suma nas dúas edicións promóvense un total de 156 iniciativas coas que se están a mobilizar 4,3 millóns de euros solo na provincia de Pontevedra; cifra que se dispara ás 400 propostas e aos 8 millóns de euros mobilizados no conxunto de Galicia.

 

 

Arriba