Santiago acolle, da man do Xacobeo 21-22, a algúns dos referentes mundiais da ilustración de cadernos de viaxes
‘Historias de Cadernos de Viaxe’ celebrarase os días 1, 2 e 3 de outubro
A celebración de ‘Historias de Cadernos de Viaxe’ converte de novo a Santiago durante uns días na capital mundial da ilustración desta disciplina artística. Da man do Xacobeo 21-22, ata Compostela chegarán os días 1, 2 e 3 de outubro varios dos máis destacados ilustradores de cadernos de viaxe do mundo
É o caso, por exemplo de Gabriel Campanario, que en 2008 tivo a idea de crear Urban Sketchers, unha comunidade, en principio de amigos, cos que compartir nunha plataforma web os debuxos das súas viaxes. A esta aventura deseguida se sumaron máis e máis persoas, e hoxe forman parte dela centos de miles de afeccionados de todos os puntos do planeta.
Campanario virá dende Seattle para a súa experiencia e debuxar canda os participantes deste evento. Así mesmo, tamén estarán en Santiago os responsables do maior evento europeo de cadernos de viaxe, o Rendez-vous du Carnet de Voyage de Clermont-Ferrand. Un deles é o ilustrador francés Tazab, ofrecerá o testemuño da súa vida cun caderno no peto.
Da man da artista xaponesa Natsko Seki descubriremos a experiencia de debuxar para unha das coleccións de cadernos de viaxe máis prestixiosas a nivel mundial, a de Louis Vuitton. E, saída do pincel da catalá Juliet Pomés Leiz, poderemos achegarnos a outra colección de éxito, os Quaderns de viatge do Ajuntament de Barcelona, editada en colaboración con Zahorí Books. A súa creadora, Mireia Trius, tamén falará desta iniciativa e da importancia deste tipo de debuxo para a promoción das cidades.
Tamén estará en Santiago o ilustrador e viaxeiro portugués Luís Simões, creador do proxecto World Sketching Tour, unha aventura que o levou a estar durante oito anos percorrendo o mundo debuxando.
E sendo ano Xacobeo, non sepodía deixar pasar a oportunidade de ilustrar o Camiño; neste caso, coa irlandesa Róisín Curé e a catalá Maru Godás quen presentarán os debuxos e o documental realizado en torno ao seu proxecto O Camiño debuxado.
Pechan a listaxe de convidados a portuguesa Ana Luisa Frazão e o gaditano Joaquín González Dorao, que se encargarán de impartir obradoiros nos seus recantos favoritos de Santiago, cidade da que son grandes coñecedores.
Conferencias e obrdoiros de debuxo
A maioría das actividades de ‘Historias de Cadernos de Viaxes’ desenvolveranse no Centro Galego de Arte Contemporánea. No seu auditorio terán lugar as conferencias dos poñentes convidados e as xornadas sectoriais adicadas a técnicos de Cultura (sábado) e editores e mercado de debuxo (domingo). A xornada sectorial para a hostalería (venres) celebrarase na Hospedería de San Martiño Pinario.
A maiores, polas tardes, os participantes terán a oportunidade de saír a debuxar en distintos espazos da cidade en obradoiros dirixidos polos ilustradores de cadernos de viaxe convidados a este evento.
Xornadas sectorias
A primeira destas xornadas desenvolverase na Hospedería de San Martiño Pinario o venres, día 1, e está dirixida ao sector da hostalería. Durante unha hora (de 11 a 12 h) o ilustrador Joaquín González Dorao amosará aos participantes as posibilidade que ten a ilustración para aplicala nos seus negocios, con exemplos prácticos de como integrar os debuxos en manteis, cartas, pousavasos e outros elementos de uso cotiá.
A xornada do sábado día 2 ten por destinatarios os técnicos municipais de cultura e de desenvolvemento. A ilustradora Mireia Trius, creadora e editora da colección Quaderns de viatge do Concello de Barcelona, narrará a súa experiencia con este proxecto de dar a coñecer unha cidade a través de ilustrar os seus barrios e explicará como mediante unha serie de libros ilustrados se lle pode sacar moito máis partido aos seus pobos. Esta xornada desenvolverase de 17 a 18 h no auditorio do CGAC.
A terceira xornada, que comezará, tamén no auditorio do CGAC ás 12.15 h do domingo 3, está dirixida ao sector editorial e do mercado do debuxo. Nela, varios ilustradores amosaranlle aos editores galegos os seus traballos sobre o Camiño de Santiago.
A inscrición para estas tres xornadas é gratuíta ata completar a capacidade máxima e deberá realizarse a través da web: xacobeo2021.caminodesantiago.gal
Programa
Venres, 1 de outubro
Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea
9.30: Inauguración
10.00: Conferencia de Gabriel Campanario. "O movemento Urban Sketchers"
11.00: Conferencia Luís Simões. "O proxecto World Sketching Tour"
11.00-12.00: Xornadas Sectorais para a Hostelaría con Joaquin González Dorao na Hospedería de San Martiño Pinario
12.15: Conferencia Natsko Seki. "Londres para a colección de Cadernos de Viaxe de Louis Vuitton"
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Tazab na Oficina do Peregrin
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Juliet Pomés Leiz no Museo do Pobo Galego
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Gabriel Campanario no exterior do CGAC
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Róisín Curé no Museo das Peregrinacións
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Natsko Seki na Alameda- Palco da Música
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Maru Godás nos soportais do Pazo de Raxoi
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Luís Simões na Biblioteca da Cidade da Cultura
17.00-18.00: Obradoiro de debuxo para rapazada con Ana Luisa Frazão.
19.30: Juliet Pomés Leiz presenta “Un día en el Born” xunto á editora Mireia Trius, de Zahorí Books. Libraría Lila de Lilith
Sábado, 2 de outubro
Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea
9.30: Conferencia de Pierrette Viel. O festival de Carnet de Voyage de Clermont-Ferrand
10.30: Conferencia de Tazab. "O debuxo como afección, a medicina como profesión"
11.45: Conferencia de Mireia Trius."Os Carnet de Voyage do Ajuntament de Barcelona"
12.45: Conferencia de Juliet Pomés Leiz. "Debuxando o meu barrio"
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Tazab na Oficina do Peregrino
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Juliet Pomés Leiz no Museo do Pobo Galego
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Gabriel Campanario na Terraza do CGAC
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Róisín Curé no Museo das Peregrinacións
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Natsko Seki na Alameda- Palco da Música
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Maru Godás nos soportais do Pazo de Raxoi
16.30-18.30: Obradoiro de debuxo con Luís Simões na Biblioteca da Cidade da Cultura
17.00-18.00: Xornadas Sectorais para técnicos de cultura: "Como promocionarme a través da ilustración", con Mireia Trius no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea
17.00-18.00: Obradoiro de debuxo para rapazada con Joaquin González Dorao. Na Praza das Praterías
19.30: Luís Simões presenta o seu libro World Sketching Tour Europa. Libraría Couceiro
Domingo, 3 de outubro
Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea
10.30: Presentación do proxecto “O debuxo é o Camiño”, con Maru Godás e Róisín Curé
12.15: Xornadas Sectoriais para editores. Mercado do debuxo
12.15: Quedada para debuxar o Centro Galego de Arte Contemporánea
13.30: Peche das xornadas e foto oficial de despedida no exterior do Centro Galego de Arte Contemporánea