15 nov 2021

A Xunta apoia o proxecto do concello de Marín para optar aos fondos dos plans de sustentabilidade turística en destino

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou  na presentación da iniciativa do Concello de Marín, un dos nove proxectos considerados aptos pola Xunta e polo Goberno central que aspiran a acadar 14,6 M€ dos fondos europeos Next Generation

A proposta inclúe melloras na mobilidade, a creación de piscinas de augas salgadas e a restauración de espazos naturais, entre outras medidas
 
A sustentabilidade é un dos piares da folla de ruta da Xunta para deseñar o modelo de turismo galego
 
Alfonso Rueda, en Marín.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu á presentación do proxecto deseñado polo Concello de Marín que opta aos fondos dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).

No acto aproveitou para destacar a importancia das axudas europeas para reforzar a marca Galicia como destino seguro a través, por exemplo, dos 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation asignados a Galicia para o desenvolvemento de accións no litoral respectuosas coa contorna.

O proxecto do Concello de Marín contou co visto bo dos técnicos que participaron na selección, e foi escollido xuntos con outros oito presentados por entidades locais de diferentes cores políticas. Como destacou Alfonso Rueda no acto, todos eles cumprían cos requisitos de calidade, vocación turística en destino ou transición enerxética e dixital que esixe a convocatoria e cuxa filosofía comparte a Xunta de Galicia, de aí o seu apoio á proposta.

O Concello de Marín presentou un proxecto que aspira a mellorar a mobilidade e crear novos servizos para reforzar a calidade deste destino con iniciativas como a restauración do lago Castiñeiras ou a creación de piscinas naturais de auga salgada. Ademais, prevese a construción de sendas para acceder aos areais, carrís para bicicletas e monopatíns electrónicos, estacionamentos para caravanas e aparcamentos disuasorios.

Alfonso Rueda subliñou que o proxecto de Marín encádrase na procura dun turismo sostible que coincide coa oferta que xa tiña Galicia antes da pandemia, pero que logo da crise sanitaria fíxose máis necesario, “convertendo a Galicia nun destino de moda”, subliñou o vicepresidente primeiro.

Rueda incidiu tamén en que a iniciativa cadra coa folla de ruta do Goberno galego para deseñar o modelo de turismo do futuro, na que un dos piares fundamentais é a sustentabilidade e a aposta por un turismo seguro, de calidade e respectuoso coa contorna.

Nesta liña, lembrou que a aposta pola sustentabilidade e polo turismo tranquilo e non masificado en contacto coa natureza e o reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu que a recuperación turística na comunidade se sitúe 25 puntos por riba da media estatal, sendo a segunda autonomía con maior recuperación da demanda de noites e a terceira en número de viaxeiros respecto a 2019. Ademais, a reactivación do Camiño de Santiago permitiu superar as 171.000 Compostelas no que vai de ano, superando xa en setembro as 140.000 previstas para este ano.

O proxecto presentado por Marín forma parte dos nove considerados aptos tanto pola Xunta como polo Goberno central para o desenvolvemento do Plan do Litoral nos vindeiros tres anos, que suporán un investimento total de case 30M€, dos que o 50% estará destinado a Plans de Sustentabilidade e o outro 50% a Accións de Cohesión en Destino, no marco das que a Xunta presentou tres actuacións que permitirán mellorar e por en valor o conxunto do litoral galego. Ademais, Galicia vai desenvolver outros dous plans territoriais no marco dos fondos europeos: o plan enogastronómico o e que se centrará nas vilas termais e nos cascos históricos.

 

Arriba