A Xunta propón desenvolver o Camiño Mozárabe - Vía da Prata con fondos europeos e no ámbito nacional
Representantes turísticos de Galicia, Andalucía, Estremadura e Castela e León participaron no Encontro de Comunidades Autónomas do Camiño de Santiago pola Vía da Prata que se celebrou en Sevilla
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, representaron á comunidade neste encontro
A xuntanza anual serviu para fixar criterios de promoción e proxectos conxuntos que contribúan a difundir este itinerario
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da Comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, mantiveron en Sevilla un encontro con responsables de turismo, cultura e patrimonio das comunidades polas que transcorre o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, co obxectivo de seguir avanzando na posta en valor deste itinerario e no desenvolvemento turístico do Camiño de Santiago ao seu paso por Andalucía, Estremadura e Castela e León.
Durante o encontro, o Goberno galego impulsou unha proposta para solicitar que o Camiño de Santiago pola Vía da Prata opte ás axudas previstas para o desenvolvemento do programa Experiencias Turismo España, promovidas pola Secretaría de Estado de Turismo con fondos europeos Next Generation co obxectivo de mellorar a experiencia turística nacional e impulsar a creación de novos produtos turísticos máis sostibles, dixitais e innovadores.
A proposta da Xunta pasa polo desenvolvemento da Vía da Prata Cicloturista, aproveitando as características dun trazado que se adapta perfectamente ás necesidades daqueles que queren peregrinar a Santiago en bicicleta.
Galicia presentou, ademais, unha proposta para que estas comunidades autónomas da Vía da Prata se adhiran ao proxecto conxunto Buen Camino, que a Xunta impulsou en colaboración con Google Arts&Culture, a Fundación Catedral, a Federación Española de Amigos del Camino de Santiago e o Goberno de Aragón.
Denominación conxunta do trazado
O encontro de traballo tamén serviu para fixar os criterios de promoción do trazado de cara o vindeiro Ano Santo así como solicitar a inclusión de Andalucía e Estremadura no Consejo Jacobeo, o órgano de cooperación que ten como obxectivo facilitar a comunicación entre o Estado e as comunidades do Camiño de Santiago e que actualmente está conformado polas autonomías do Camiño Francés e dos Camiños do Norte, ademais de Cataluña.
Ademais, as catro comunidades participantes no encontro consensuaron o uso da denominación Camiño Mozárabe-Vía da Prata para referirse a este itinerario xacobeo, coincidindo así coa denominación que a ruta ten en Galicia, onde a Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia recolle ambos nomes para referirse a este trazado.
Elixido por peregrinos expertos
A Vía da Prata atravesa 9 provincias e máis dun cento de municipios ao longo de Andalucía, Estremadura e Castela e León. En 2019 foi o Camiño escollido por 9.201 peregrinos que recolleron a súa Compostela, o sétimo por peso. No que vai de ano foi a ruta escollida por máis de 3.700 peregrinos. Trátase dun itinerario elixido habitualmente por peregrinos veteranos, moitos deles de procedencia europea, ademais de ser un camiño ideal para a peregrinación a cabalo ou en bicicleta.