12 dec 2021

Os beneficiarios da Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia poderán consumir ata o 31 de decembro o saldo pendente das súas tarxetas

 O obxectivo é mobilizar 7,9M€ no sector turístico neste ano co bono turístico, do que se beneficiaron máis de 12.000 persoas

 
O bono turístico contribuíu a manter boas cifras de ocupación todo o ano e converteuse nun elemento de desestacionalización turística
 
A iniciativa forma parte das medidas levadas a cabo pola Xunta este ano para reactivar o sector turístico, cun investimento este ano de 120 millóns de euros a través de distintas liñas de axudas e nos pagos á hostalería a través dos Plans de Rescate
 
Tarxeta bono turístico #QuedamosEnGalicia

 O Bono Turístico contribuíu este outono á desestacionalización da oferta turística e a mellorar as cifras de actividade e rendabilidade do sector con case 3,4 millóns de euros inxectados desde o pasado 21 de setembro.

O programa supuxo un balón de osíxeno e un empuxón na reactivación económica do turismo galego e converteuse tamén este ano nunha iniciativa coa que contribuír a manter a actividade turística, con boas cifras de ocupación e sobre todo na tempada baixa.

De feito, o récord de consumo do bono acadouse en novembro cun gasto de 1,5 millóns de euros, seguido de outubro con máis de 1 millón. Ademais, na primeira semana de decembro acadáronse os 655.300 euros, dos que máis de 583.500 corresponden aos días da ponte festiva da Constitución, do venres 3 ao mércores 8 de decembro.

Por outra parte, os beneficiarios da Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia  poderán consumir o saldo pendente das súas tarxetas ata o 31 de decembro.

Deste xeito, dos 12.000 usuarios beneficiarios, os que aínda non fixeran uso da súa tarxeta ou teñan parte sen consumir teñen ata finais de ano, aproveitando as festas de Nadal, para empregalos nos case 1.200 aloxamentos adheridos á iniciativa e os paquetes turísticos comercializados polas axencias de viaxes.

Nesta liña, cómpre lembrar a importancia de compatibilizar a actividade do sector pero respectando as medidas de prevención ante a situación sanitaria derivada da covid, polo que desde a Xunta se insta a facer turismo e viaxar con sentidiño cumprindo tódolos protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

O programa abriuse no mes de xuño ao público en xeral, asumindo a Xunta o 60% do crédito das tres tarxetas dispoñibles -250, 375 e 500 euros- e os particulares o 40% restante. Desta forma, a través do fomento do consumo interno a Xunta puxo en marcha esta medida pioneira que foi imitada noutras comunidades co obxectivo de inxectar liquidez ao sector turístico tralo impacto da covid. Así, a previsión do Goberno galego é mobilizar este ano 7,9 millóns de euros no turismo galego con esta medida.

Trátase dunha iniciativa de éxito que esgotou o crédito en só 12 desde a publicación da convocatoria. A Xunta ao sector con máis de 120 millóns investidos neste ano entre os fondos para a hostalería no marco dos Plans de Rescate e distintas liñas de axudas e medidas para a súa recuperación económica como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia.

Xunto con outras medidas pioneiras como o seguro coronavirus e o reforzo da mensaxe de que Galicia é un destino seguro, conseguiuse que a comunidade liderase a recuperación turística en España. Entre xaneiro e outubro, Galicia recibiu máis de 3,7 millóns de viaxeiros e rexistráronse 8 millóns de noites, situándose a comunidade galega 24 puntos por riba da media estatal en canto e liderando en España a recuperación da demanda turística. No mes de agosto mesmo se superaron as cifras prepandemia.

As medidas levadas a cabo para reactivar o Camiño de Santiago para contar con rutas e albergues seguros permitiron tamén acadar xa en setembro o obxectivo marcado para este 2021 de acadar as 140.000 Compostelas e no que vai de ano xa se superaron as 170.000.

 
Arriba