“O Camiño de Santiago é marca Galicia, é o noso mellor embaixador, pero tamén é unha oportunidade de desenvolvemento para todos os territorios polos que pasa”. Así explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na sua visita ao trazado do Camiño Portugués de Santiago-Camiño da Costa con motivo da súa recente certificación, o que o converte no terceiro itineario xacobeo delimitado en terras lusas, e na que estivo acompañada polo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa.
No acto, no que se gardou un minuto de silencio na igrexa máis antiga dedicada a Santiago fóra de Portugal, en Santiago de Neiva, en Viana do Castelo, con motivo do afundimento do Villa de Pitanxo, participou o presidente de Turismo Porto e Norte, Luis Pedro Martíns, o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, Nuno Almeida, e os presidentes e representantes das cámaras municipais dos muncipios polos que pasa o Camiño da Costa, así como o alcalde do concello de Tui, Enrique Cabaleiro.
A comitiva percorreu parte do trazado certificado e a directora de Turismo de Galicia aproveitou para loubar os avances de Portugal na posta en valor do Camiño e o gran traballo levado a cabo pola Comisión de Certificación creada por Portugal para a homologación destes itinerarios, na que a Xunta tamén participa a través do Xacobeo.
O traballo de certificación levouse adiante de xeito conxunto polas Secretarías de Estado do Turismo e do Patrimonio Cultural de Portugal, que recoñece a integridade do trazado e o seu elevado valor patrimonial, e que supón a delimitación oficial do terceiro Camiño de Santiago en terras lusas, despois do Camiño Interior e o Camiño Central Portugués.
Con este novo itinerario delimitado e oficializado, os peregrinos poderán continuar o seu camiño desde Portugal cara a Santiago de Compostela a través de dúas entradas: desde Caminha a A Guarda a través do Camiño Portugués da Costa ou continuando ata Valença do Miño e cruzando aTui polo Camiño Portugués.
Cooperación e consenso
O coñecido como Camiño Portugués de Santiago- Camiño da Costa é un itinerario de 138 quilómetros e para a súa certificación Portugal acadou un amplo consenso entre todas as administracións, tanto das cámaras implicadas como dos diferentes departamentos do Goberno luso, o que pemitirá non só a conservación destes itinerarios se non a súa promoción do fenómeno xacobeo que Portugal sitúa como piar fundamental para a captación de viaxeiros nacionais e internacionais, unha valoración na que o Executivo galego coincide plenamente.
Neste sentido, Nava Castro aproveitou para destacar a cooperación existente entre ambos territorios, especialmente a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o que permitiu por en marcha proxectos que suporán unha mobilización de preto de 10 millóns de euros nestes anos.