24 xan 2023

Turismo de Galicia amosa en Fitur o potencial das fervenzas galegas como atractivos sustentables e de calidade para un turismo desestacionalizado

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do catálogo Fervenzas de Galicia, Poema Visual, onde defendeu a comunidade como un destino “de excelencia, con experiencias e vivencias únicas”

 
 
Presentación de Fervenzas de Galicia.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do catálogo Fervenzas de Galicia, Poema Visual no stand de Galicia en Fitur, un proxecto froito do traballo de dous anos nos que se reúnen e clasifican saltos de auga espallados por toda a xeografía galega.

“Nunha terra cunha infinidade de oportunidades por descubrir e desfrutar temos a capacidade de ofrecer un turismo alternativo, tranquilo e non masificado”, defendeu Nava Castro. Nese sentido, situou as fervenzas como un atractivo sustentable e de calidade para unha actividade turística desestacionalizada e “de excelencia, con experiencias e vivencias únicas”.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, dentro dos obxectivos do Goberno galego inclúese o apoio a un turismo que “medre con calidade e dunha maneira sustentable”. Esas metas, afirmou, cadran perfectamente co potencial turístico dos numerosos saltos de auga que se poden localizar en todas as provincias galegas.

Durante esta primeira xornada da Feira Internacional de Turismo en Madrid, Nava Castro tamén foi a encargada de recibir o premio Excelencias Turísticas Verde 2022 pola iniciativa Concertos do Xacobeo. Grazas a este proxecto, a Xunta favoreceu a proxección internacional do dobre Ano Santo con máis de 100 eventos por toda Galicia e a actuación de máis de 500 bandas e artistas nacionais e internacionais de todos os estilos.

Presentación da web Experiencias de Calidade

Outro dos actos centrais do día foi a presentación da web Experiencias de Calidade, onde o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, destacou a importancia de potenciar os produtos alimentarios galegos distinguidos coa Denominación de Orixe (DO) ou a Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Por outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu ao showcooking Experiencias de Calidade coa IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Gallega/Buey Gallego, onde puxo en valor o sector cárnico da comunidade nunha actividade de cociña dirixida por profesionais do mundo gastronómico.

 
Arriba