24 xan 2023

Preséntase en Fitur unha nova tempada dos trens turísticos de Galicia na que se amplían os prazos e o número de rutas para gozar dos recursos naturais da comunidade

 Os delegados territoriais da Xunta en Ourense e Pontevedra, Gabriel Alén e Luis López, avanzaron os detalles desta nova edición dunha iniciativa que comezou no 2013 froito da colaboración de Turismo de Galicia, Renfe e o Inorde

Segundo explicaron, este ano programaranse un total de 34 trens turísticos con máis de 2.700 prazas, coa primeira saída o 11 de marzo e a última o 14 de outubro
 
Ademais, anunciou que se conxelarán os prezos dos billetes en 45 euros para usuarios adultos e 20 para nenos de entre 3 e 13 anos
 
Presentación dos Trens turísticos de Galicia 2023.

Os delegados territoriais da Xunta en Ourense e Pontevedra, Gabriel Alén e Luis López, presentaron  en Fitur a nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia 2023, unha edición na que se amplían os prazos e o número de rutas hábiles para gozar dos recursos naturais da comunidade.

Avanzaron os detalles dunha iniciativa de Turismo de Galicia que comezou no 2013 froito da colaboración da Xunta con Renfe e o Inorde. Así, amplíase a tempada en dous meses, coa primeira saída programada para o día 11 de marzo e a última para o 14 de outubro. Neste 2023 contarase cun total de 34 trens turísticos que dispoñen de máis de 2.700 prazas.

Por outra banda, anunciaron que se conxelarán os prezos dos billetes do servizo, quedando así en 45 euros para usuarios adultos e 20 euros para nenos entre 3 e 13 anos.

Os Trens Turísticos, explicaron, convertéronse nunha iniciativa plenamente consolidada que edición a edición incrementa a porcentaxe de ocupación e a satisfacción dos usuarios cun modelo de turismo seguro e de calidade.

Nas 14 rutas que estarán dispoñibles neste 2023 destaca a presenza de elementos culturais ou gastronómicos como a lamprea, os faros, os pazos ou as variantes do Camiño de Santiago.

Este ano inclúense, ademais, dúas novidades na programación: a Ruta da Camelia en flor, que permitirá coñecer en plena floración os xardíns dos pazos de Quinteiro de la Cruz (Ribadumia), o castelo de Soutomaior e o pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa); e a Ruta Experiencia MEGA e A Coruña de 1906, que achegará os usuarios ao proceso de fabricación da cervexa cun percorrido pola cidade herculina, o embalse de Cecebre ou unha plantación de lúpulo en Abegondo.

Turexpo Galicia e Mapamundi do Polbo do Carballiño

 Outro dos eventos que se desenvolveron no stand da Xunta nesta segunda xornada de exposicións na Feira Internacional de Turismo en Madrid foi a presentación Turexpo Galicia 2023: Redescubrir o turismo nunha feira única, Abanca Semana Verde, na que interveu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Segundo explicou, esta nova edición de Turexpo chega para dar a coñecer Galicia cara os mercados internacionais turísticos nunhas instalacións inmellorables que desde o 2009 acollen unha gran feira turística que abarca toda a comunidade.

Por outra banda, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, amosou o factor diferencial do polbo como elemento gastronómico de interese turístico na exposición Mapamundi do Polbo do Carballiño.

 
Arriba