24 xan 2023

O stand de Galicia consolídase en Fitur como un referente para o sector turístico e acada récords de asistencia

 O recinto de máis de 1.000 metros cadrados acolleu centos de persoas que amosaron interese tanto polas presentacións que tiñan lugar no espazo galego como na oferta turística autonómica

 O espazo expositivo estaba concibido como un conxunto escenográfico que transmitía a Galicia como destino turístico sostible e de calidade e foi un dos premiados na categoría “Stand sostible”
 
O stand acolleu 54 presentacións de recursos, produtos e novidades de concellos, deputacións, xeodestinos; ademais de presentacións gastronómicas e presentacións deportivas, entre moitas outras
 
 
Ademais, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de recoller o Premio Excelencias aos Concertos do Xacobeo
 
 
No espazo de traballo xestionado polo Clúster Turismo de Galicia mantivéronse 400 reunións nas que participaron 1.000 profesionais. Predominaron os encontros con profesionais de Irlanda, O Reino Unido, O Brasil e  Os Estados Unidos, cun repunte do interese do público latinoamericano que desexa vir a Galicia
 
Stand de Galicia en Fitur 2023.

Galicia volveu colleitar éxitos na 43ª edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) ao manter un dos stands con máis actividade, acadando récords de asistencia ao longo dos 5 días nos que tivo lugar a feira e consolidándose como un punto de encontro para o sector turístico e amosando a Galicia como un referente en turismo sostible e de calidade, sendo recoñecido como un dos premiados na categoría “Stand sostible”. Ademais, no marco da Feira Internacional de Turismo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de recoller o Premio Excelencias aos Concertos do Xacobeo.

O stand de Galicia acolleu arredor de 54 presentacións de recursos, produtos e novidades de concellos, deputacións, xeodestinos, ademais de presentacións gastronómicas e deportivas, entre moitas outras. O Goberno galego mantivo o mesmo stand de máis de 1.000 metros cadrados do pasado ano co obxecto de optimizar o gasto. O espazo expositivo estaba concibido como un conxunto escenográfico que transmitía a Galicia como destino turístico sostible e de calidade, consolidándose como un punto de encontro e de referencia para o sector turístico galego

Nesta edición, o eixe central do espazo expositivo foi a enogastronomía galega como un dos maiores escaparates de promoción turística a nivel internacional. Galicia amosou o mellor do seu territorio ben a través do Camiño de Santiago, ben a través da gastronomía, dos recunchos, das augas termais, do ecoturismo, da natureza, e das festas de interese turístico nacional e internacional. Tamén a través das rías, os clubs náuticos, as praias, as súas augas tanto no mar como nos seus ríos.

Proba do gran éxito de afluencia ao stand galego foi que os preto de 250.000 folletos cos que contaba esgotáronse durante a fin de semana. O mesmo ocorreu nos espazos de degustación onde se ofreceron catas e  showcookings que rexistraron cheos totais de público.

Encontros profesionais

O espazo de negocios xestionado polo Clúster de Turismo de Galicia xestionou durante os tres días destinados exclusivamente a profesionais 400 reunións nas que participaron máis de 1.000 profesionais do sector. Unhas cifras que reflicten o auxe do turismo e as boas perspectivas para 2023.

Irlanda, O Reino Unido, O Brasil e Os Estados Unidos foron os principais países que se interesaron polo destino Galicia, cun repunte do interese do público latinoamericano que desexa vir á nosa comunidade.

 Ademais, rexistrouse unha especial demanda de información para adherirse ao programa 'Galicia Destino Sostible', posto en marcha este ano polo Clúster e a Xunta e e incrementouse tamén o interese polo sector MICE que apunta a unha recuperación do sector de congresos.

 

 

Arriba