31 xan 2023

Turismo de Galicia reforza o seu apoio as festas de interese turístico da comunidade cunha axuda de 400.000

 As axudas teñen como obxectivo potenciar as festas galegas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico

 
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos
 

 A Axencia de Turismo de Galicia ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

Estas axudas teñen como obxectivo potenciar as festas galegas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística. Ademais, engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais.
 
 Estas subvencións, dotadas dun crédito de 400.000€, teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, destacando que unicamente será subvencionable un evento por Concello solicitante. Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional.
 
 Poderán ser beneficiarios os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2023 festas declaradas de interese turístico de Galicia. Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios en que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia.
 
 As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.
Arriba