29 xan 2024

A nova edición dos trens turísticos de Galicia incorpora visitas guiadas a Monterrei e aumenta o número de saídas

Trens turísticos

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou en Fitur na presentación das novidades da nova edición dos Trens Turísticos de Galicia, unha das propostas máis exitosas dos últimos anos posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde.

Como explicou, durante este 2024 manterase as 14 rutas do ano pasado, pero incluiranse algunhas novidades como visitas teatralizadas da aula ferroviaria de Os Peares e unha visita ao Castelo de Monterrei. Estarán incluidas nas rutas do Viño-Ribeira Sacra do Sil (que ademais incrementará a oferta a seis saídas), Valdeorras-Ribeira Sacra e a ruta do Viño de Monterrei.

A temporada comezará no mes de marzo, poñendo de novo en marcha a edición de dous trens para coñecer os xardíns das camelias en plena floración, unha das experiencias máis existosas do ano pasado que, como explicou o xerente de Turismo de Galicia, no ano 2023 tivo un 100% de ocupación. Unha cifra que se mantivo similar no resto de itinerarios, cunha ocupación media de preto do 90%.

Ademais da ruta da Camelia, a edición deste ano incluirá tamén outros exitosos itinerarios como a Ruta dos Faros que levará ao viaxeiro ata Estaca de Bares e permitirá coñecer lugares do litoral norte como Ortegal ou os acantilados de Vixía Herbeira; o Museo Estrella Galicia e A Coruña 1906; a Ruta da Lamprea, con visita a Tui e se coñecerán as pesqueiras de Arbo; a Ruta dos Mosteiros, como o Pazo de Oca, o mosteiro de Carboeiro ou o templo da Vera Cruz en O Carballiño.

Tamén volve a Ruta dos Queixos de Galicia, no que se recorren tres das catro denominación de orixe dos queixos de Galicia; a Ruta de As Mariñas, con visita a Betanzos, Pontedeume e Ferrol; ás que se sumarán as exitosas rutas dos viños da Ribeira Sacra, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Monterrei.

Como cada ano, cada unha das rutas poderase realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, o programa ofrecerá un servizo de guías autorizados durante o percorrido, traslados complementarios en autocar, entradas aos puntos de interese.

Arriba