23 out 2023

A Xunta compartirá o modelo galego de xestión do Camiño de Santiago con países de Europa do leste

Camino Santiago

 A Xunta de Galicia estenderá e compartirá o modelo galego de xestión ao redor do Camiño de Santiago a administracións públicas e entidades de centro Europa e países de Europa do leste como Croacia ou Polonia. Así se decidiu na cidade polaca de Torun, onde se celebrou unha asamblea da Federación Europea do Camiño de Santiago, a entidade que agrupa autoridades rexionais do Camiño de Santiago e que desde xaneiro de 2023 está presidida por Galicia.

O xerente do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou no encontro no que se abordou a reforma dos estatutos da federación para facilitar a incorporación de máis administracións públicas federadas a esta entidade. Como resultado, intégranse agora a Axencia Francesa para os Camiños de Santiago, a asociación española de Municipios del Camino Francés, a rexión croata de Sud Istria, así como as cidades de Dubrovnik e Sibenik, do mesmo país. Tamén se integraron a cidade italiana de Asís, así como as rexións polacas de Pomorskie  e Zachodniopomorskie Voivodeship.

Con estas novas incorporacións, Galicia poderá estender o seu modelo de xestión na ruta xacobea e fomentar unha implicación institucional e planificación de acción a nivel europeo que axude á promoción e desenvolvemento conxunta do Camiño de Santiago en Europa.

Coherencia de accións

Ademais, a Xunta de Galicia, desde a presidencia desta federación europea, está coordinando co departamento de itinerarios culturais do Consejo de Europa xerar unha federación cada vez máis activa, máis representativa e con maior capacidade operativa, que sirva de referencia na acción pública a favor dos Camiños de Santiago en Europa.

A Federación foi creada en 2011 para ser a única referencia para o Instituto de Itinerarios Culturais Europeos e garantir a aplicación dos requisitos para ser un Itinerario Cultural Europeo fixados polo Consejo de Europa. Desde entón, a Federación traballa para difundir as experiencias de cada comunidade en Santiago e dar coherencia ás accións dos diferentes actores en cada país participante, desenvolvendo proxectos conxuntos de alto impacto orientados a atraer e ampliar a rede europea. Santiago de Compostela será a sede da seguinte asamblea da Federación en xuño de 2024.

 
Arriba